Margarita Ledo, Premio Otero Pedrayo

A académica Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) é a gañadora da última edición do Premio Otero Pedrayo. A cineasta, catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, é a primeira muller recoñecida con este galardón nos seus corenta anos de historia. A proposta, realizada pola Deputación de Pontevedra, encargada de convocar o premio este ano, foi aprobada por unanimidade.
Margarita Ledo

"Hoxe é un día feliz para a Deputación de Pontevedra e para a cultura galega, porque por primeira vez se lle concede este premio a unha muller, por méritos máis que sobrados e pola súa capacidade de defensa do idioma e da cultura galega", salientou este martes a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, tras darse a coñecer a decisión do xurado.

No informe da súa proposta, a Deputación salienta a "traxectoria vital, profesional e intelectual" da académica, quen desenvolveu un "xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais portugueses e galegos". Margarita Ledo foi pioneira tamén, engade o texto, "nas investigacións e xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos en Galicia", sempre tendo en conta a perspectiva de xénero en todos os seus traballos e intervencións públicas".

A cineasta é membro de número da Real Academia Galega desde o ano 2009 e ocupa precisamente a cadeira que no seu día foi de Ramón Otero Pedrayo. O galardón que leva o seu nome é convocado cada ano por unha das catro deputacións provinciais galegas co obxectivo de recoñecer as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e o mantemento da cultura galega.