"Manuel María foi un grande humanista"

Mercedes Queixas coñeceu a Manuel María na libraría Xistral. Acababa de licenciarse en Filoloxía e, xunto ao compañeiro Anxo Gómez, visitouno en Monforte para se documentar sobre Xan da Cova. "Foi un día inesquecíbel na nosa memoria", lembra nas súas respostas ao "Cuestionario Manuel María". O encontro humano levou á descuberta do escritor, cuxa vida Queixas percorre na biografía Labrego con algo de poeta (Galaxia, 2016). A escritora salienta o carácter multitemático e a innovación da súa obra, mais tamén o perfil humanista de Manuel María, comprometido con numerosos proxectos culturais nun tempo "en branco e negro".
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas. Foto: Eduardo Castro Bal (Centro de Documentación AELG)


Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
Manuel María asina máis dun cento de títulos escritos ao longo de cincuenta e catro anos, polo tanto fecundidade e constancia son trazos obxectivamente definidores. O seu proceso creativo atendeu todos os xéneros, nomeadamente a poesía, á que corresponden máis de cincuenta obras, mais tamén narrativa, teatro, ensaio e escrita xornalística. Unha expresión, pois, diversa e, ao tempo, moi plural tematicamente, que identifica a obra co transcorrer da canle dun río alimentado por sucesivos afluentes enriquecedores.

A perfecta simbiose entre a representación das causas do pobo e a súa obra converteuno na voz amplificadora do pobo silenciado, agredido e expropiado, desde a dignificación da lingua galega e da cultura popular que a constrúe e sostén con personalidade propia, recuperando a visibilidade do seu papel na historia e os referentes cultos de seu. Finalmente, a lectura da obra do autor permítenos visualizar o mapa do seu tempo, desde diferentes ángulos, converténdose nunha crónica biográfica, persoal polo tanto, mais sempre acompañada da man da cronoloxía que marcou a experiencia vital colectiva galega, española e internacional, o que o converte nun referente intelectual da segunda metade do século XX.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
A innovación marcou os primeiros versos daquel mozo de apenas vinte anos recompilados en Muiñeiro de brétemas (1950), o primeiro libro de poemas en galego editado na posguerra por un mozo desa nova xeración chamada a ser o elo continuador literario e cultural descabezado pola barbarie fascista oficializada na ditadura militar após"A innovación ou renovación de temas, linguaxe e estilística é un elemento recorrente ao longo de todo o seu tempo creativo, así como a vontade de crear ao redor da lingua galega un auténtico corpus poético" 1939. A innovación ou renovación de temas, linguaxe e estilística é un elemento recorrente ao longo de todo o seu tempo creativo, así como a vontade de crear ao redor da lingua galega un auténtico corpus poético, un eixo común vertebrador dos miles e miles de versos legados nos máis de mil cincocentos poemas. Por outra banda, cómpre destacarmos a aposta pola apertura da poesía en lingua galega a novos públicos, como o infantil, coas obras Os soños na gaiola (1968) e As rúas do vento ceibe (1979), sementando un terreo imprescindíbel para a normal transmisión da lingua galega entre as xeracións mozas na escola e na casa. Asemade, toda a escrita narrativa e dramatúrxica que permitiu achegar o galego a estas idades de primeiras lectoras e contribuír a fixar a súa expresión oral neste idioma. Trazar estes obxectivos nunha altura onde o galego aínda estaba lonxe de recuperar a súa condición de lingua oficial e de incorporar o seu uso libre e aprendizaxe normalizada no ensino acrecenta o valor da aposta do noso autor.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Manuel María viviu intensamente apegado á súa terra, ás xentes do pobo, aos diferentes tempos, sempre atento ás novas voces poéticas, ás que axudou a dar luz procurando mesmo canles como editor. Foi un grande humanista que era quen de transmitir, desde unha coidada oratoria, un coñecemento profundo. Precisaba comunicar, transmitir, partillar, sempre estaba pronto a colaborar cos proxectos nados no seo de colectivos, movementos asociativos, culturais que ensanchaban o campo de acción pedagóxica e cultural nun tempo en branco e negro, negador da identidade galega. Con todo, cando o momento histórico así o requiriu, non dubidou en asumir o seu compromiso político nacionalista desde a óptica partidaria no BN-PG, chegando a ser concelleiro en Monforte"Era quen de transmitir, desde unha oratoria coidada, un coñecemento profundo. Precisaba comunicar, partillar, sempre estaba pronto para colaborar cos proxectos que ensanchaban o campo de acción pedagóxica e cultural nun tempo negador da identidade galega", nin en ceder a palabra literaria ao combate como ferramenta de intervención social. A súa personalidade xenerosa, o seu traballo inxente e a súa palabra como berro de amor e afirmación nado do profundo amor á Terra, converteuse nun legado de pouso firme que aínda abrigan para si diferentes xeracións ora na lectura da súa obra ora na interpretación musical de tantos poemas ou na revisitacións de cada persoal álbum de lembranzas íntimas. Eis a razón principal dunha cuestión que debemos enfocar ben no noso presente: como imos trasladar Manuel María ás novas xeracións? Que estratexias asumiremos para que unha obra que medra no tempo e acrecenta o seu valor con cada nova lectura prolongue a vida do poeta?

Que vixencia conserva a súa creación?
Malia o carácter tan voluminoso da súa escrita, como antes mencionamos, a altísima amplificación popular a través da música e as raíces profundas no seu pobo, entendemos que Manuel María segue a ser un autor bastante descoñecido. No entanto, si sorprende o coñecemento maior que chegou a ter se temos en conta as severas dificultades coas que sempre se encontrou para ver a súa obra editada e, consecuentemente, para conseguir que chegase de xeito maioritario ao público lector quen, tantas veces, accedeu á súa obra de xeito limitado, parcial e clandestino. Unha visibilidade moito tempo condicionada que tamén alimentou a crítica literaria ao non lle ceder o merecido espazo de atención ao xulgar a súa obra con parámetros extraliterarios.

Felizmente, a lectura completa da obra, nada dunha auténtica vocación de escritor universal, é hoxe posíbel. Cada nova lectora descubrirá un dos moitos Manuel María que o verso e a prosa gardan. Nada resultou alleo a Manuel María, por iso no conxunto da súa obra é posíbel descubrir os múltiples e ilimitados centros de interese do poeta que nunca nos deixan indiferentes. A súa obra é das de maior entidade das publicadas na segunda metade do século XX, cuantitativa e cualitativamente. O carácter multitemático de moitos dos títulos presentan un panorama real e literario fértil de forte impacto no público lector, o que explica que, malia as severas dificultades de publicación e recepción dunha boa parte da obra, consiga ver en vida sucesivas edicións de obras como Terra Chá, Documentos personaes, Muiñeiro de brétemas ou Os soños na gaiola, entre outras, e reciba proposta de tradución para moi diversos idiomas.

Por outra banda, o labor que nestes últimos anos desenvolveu a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, recuperando a Casa de Hortas, casa natal do poeta, para o encontro público con el, musealizándoa conforme o percorrido biobibliográfico en paralelo, ten sido un primeiro chanzo fundamental para revitalizar sempre a memoria de Manuel María, o principal espazo de referencia para dar a coñecer a súa obra viva e figura entre o pobo galego máis aló do vindeiro 17 de maio.

Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
Coñecín a Manuel María e a Saleta Goi a comezos dos anos 90 na súa Libraría Xistral de Monforte recén licenciada en Filoloxía xunto ao compañeiro Anxo Gómez. Combinaramos previamente un encontro telefónico con el para lle demandarmos información sobre o autor ourensán Xan da Cova, que el tiña ben documentado, xa que estabamos a preparar a edición dunha obra da súa autoría, La Galiciana, que viu a luz no número 4 da colección dos Cadernos de Teatro, dirixida por Francisco Pillado. A espontaneidade de Manuel María naquela visita, a riqueza da conversa e a prolixa información coa achega de documentos gráficos que nos subministrou converteu aquela xornada de traballo nun día inesquecíbel na nosa memoria, tanto que no retorno á casa en coche sentiamos ter sido partícipes dun momento irrepetíbel e mesmo aínda máis convencidos de que aquela nosa escolla académica non fora nada errada. O encontro humano levou á descuberta do escritor, nomeadamente do poeta, e o contacto persoal retomouse grazas a nos converter co tempo en veciñanza coruñesa, o que facilitou o encontro periódico en todo tipo de actos e eventos culturais, literarios, cívicos, así como na tertulia da hoxe desaparecida cafetaría Kirss da rúa Real desta cidade.

Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
Unha obra literaria tan amplísima e diversa dificulta unha elección tan cativa. Gosto especialmente da poesía e, cando penso nela en conxunto, os primeiros títulos que sempre lembro son Mar Maior (1963), Remol (1970), Poemas ao Outono (1977), Poemas da labarada estremecida (1981) ou A luz resucitada (1984). Non me resulta doado explicalo, mais probabelmente a razón sexa que neles pode lerse unha aproximación bastante global a ese carácter poliédrico que caracteriza esta escrita intensa e extensa. Un poema que me acompaña desde hai moito tempo e que, a cada nova lectura da obra de Manuel María, máis o interpreto como un carné de identidade poética, é este que abre o poemario Remol (1970):

Sei o que vale un verso
Sei que todos os versos do mundo
non valen o que vale un home,
o que vale
o berro dorido dunha nai,
o bico apaixonado dos amantes
ou o tenro recendo dunha flor.
Sei o que os versos non valen
pero sigo escribindo se parar.
Sigo escribindo con carraxe,
entusiasmo e paixón
por si acado algo de poesía
-unha floriña só que move o vento-
entre a faramalla das miñas
probes verbas desnortadas.
Un verso nunca vale,
o que vale o chío dun paxaro,
nin ten a forza dun río
ou o poder arrepiante dunha bala.
Pero eu sigo fiel, encadeado
á música amorosa das palabras.