Luz Pozo Garza, Premio da Cultura Galega ás Letras

O xurado do premio recoñece, deste xeito, a imprescindible achega á poesía galega contemporánea da autora de O paxaro na boca (1952), Códice Calixtino (1986) ou Deter o día cunha flor (2002).
Luz Pozo Garza
Luz Pozo Garza


A extensa traxectoria poética da académica Luz Pozo Garza (Ribadeo 1922) abrangue unha ducia longa de títulos de poesía e ensaio principiada en 1948 coa publicación de Ánfora. A crítica ten salientado na súa obra a construción "dun discurso persoal, de indubidable calidade, que segue evoluíndo conforme á súa actitude persoal diante da vida, dominada polo optimismo, o intimismo, e unha concepción interdisciplinar da literatura con outras artes, nomeadamente a música e a plástica, e unha continua referencia ás lecturas que a impresionaron". (Diccionario da literatura galega I, 1995). Alén do seu labor creativo, Luz Pozo fundou a dirixiu as revistas Nordés e Clave Orión.

Na mesma edición dos Premios da Cultura Galega foron galardoados, na categoría de Lingua, a Asociación PuntoGal, presidida polo académico Manuel González González; na de Artes Plásticas, a Fundación Granell; na de Artes Escénicas, a Asociación Abrente, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; en Proxección Exterior, o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires; en Música, Juan Durán e Bambú Producciones na de Creación Audiovisual.