Laura Tato responde ao Cuestionario Roberto Vidal Bolaño

A profesora Laura Tato Fontaíña (Vigo, 1951) leva publicado numerosos estudos sobre o teatro galego, como Historia do teatro galego. Das orixes a 1936 e Teatro galego de Luís Manteiga.
A profesora Laura Tato
A profesora Laura Tato (Foto Rafa Estévez)

Que características definen, ao seu parecer, a obra de Vidal Bolaño?
O seu compromiso coa sociedade galega que lle tocou vivir e coa creación dun teatro nacional, que o levou a non poucas polémicas e desencontros.

A sabia conxunción das artes, pois incorporou á súa dramaturxia todos os recursos que lle proporcionaban os medios audiovisuais e, sobre todo, o cinema.

A súa capacidade para non esquecer a carácter lúdico do teatro, dosificando a intriga e o ritmo dramático de tal xeito que non decaia o interese do público.

A súa vontade de enraizamento na tradición galega, tanto popular como culta; da primeira, reelaborando todas as manifestacións parateatrais e, da segunda, seguindo as pegadas, entre outras, de Ramón Otero Pedrayo.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Roberto Vidal Bolaño forma parte do denominado Grupo Abrente, que está constituído por unha curta nómina de dramaturgos. Estiveron vinculados ás actividades dramáticas non só como escritores, senón tamén como directores, actores, iluminadores, deseñadores, promotores de grupos, e, desde aí, impulsaron o profesionalismo do sector. Crearon un teatro comprometido coa realidade social e política de Galiza, exploraron novas formas estéticas, actualizaron as xa coñecidas e incorporaron ao teatro galego todos os logros da dramaturxia europea contemporánea. Por último, conseguiron a normalización lingüística da escena e serviron de guía ás xeracións posteriores.

Con eles apareceu, no sistema literario galego, a figura do dramaturgo "en exclusiva", isto é, non eran narradores, ensaístas ou poetas que escribisen teatro por militancia, porque o sistema non estaría completo sen un xénero dramático; eles escribían pezas dramáticas porque eran (e son) homes de teatro e só, como segunda ou terceira actividade, foron narradores, poetas ou ensaístas.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Toda. A respecto da temática, nin a sociedade galega nin o seu teatro superaron aínda ningunha das pexas que as obras de Vidal Bolaño puxeron en evidencia. Canto á experimentación artística e estética, ademais das estratexias dramatúrxicas que consolidou ao longo da súa produción, desde Laudamuco a Mar revolto, ficou en xerme, como un convite aos seus discípulos, o camiño que iniciara en Criaturas e Animaliños, e que foi truncado pola morte.