Láncara réndelles tributo a Ramón Piñeiro e Basilio Losada

Láncara acolleu a pasada fin de semana unha dobre homenaxe a Ramón Piñeiro (1915-1990), figura esencial da reconstrución da cultura galega na posguerra nada neste concello. A Real Academia Galega, en colaboración coa Asociación Val de Láncara, celebrou na tarde do sábado unha mesa redonda nesta localidade dedicada a Piñeiro polo seu centenario. Previamente, outro lancarao sobranceiro, o académico de honra Basilio Losada, recolleu o premio que leva o nome do primeiro, concedido pola asociación anfitrioa.

As raíces comúns non son o único que compartiron Ramón Piñeiro, finado en 1990, e Basilio Losada, o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona. Losada, que reside en Cataluña desde neno, mantivo un contacto epistolar intenso con Piñeiro, quen desde Santiago de Compostela actuou como mestre, editor e amigo. A súa relación permite seguir tamén a creación de redes culturais e sociais a prol da dignificación de Galicia dentro e fóra dela, unha arela compartida recoñecida coa concesión a Basilio Losada do XIV Premio Ramón Piñeiro "Facer País" por parte da Asociación Cultural Val de Láncara. A entrega celebrouse o pasado sábado na vila natal dos dous intelectuais nunha xornada na que a Real Academia Galega celebrou unha mesa redonda na honra de Ramón Piñeiro no centenario do seu nacemento.

O propio Basilio Losada, académico de honra, foi un dos encargados de lembrar distintas facianas dun persoeiro esencial na reconstrución da cultura e da lingua galegas na segunda metade do século XX. Na mesa tamén interviron a académica Rosario Álvarez, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o seu secretario, Henrique Monteagudo.