Isabel Burdiel presenta na Academia a súa biografía sobre a autora o 14 de marzo

A Real Academia Galega acollerá o xoves 14 de marzo, a partir das 19:30 horas, a primeira presentación pública en Galicia de Emilia Pardo Bazán (Taurus, 2019), a biografía da escritora galega asinada por Isabel Burdiel. A historiadora estará acompañada na que foi residencia familiar de Pardo Bazán polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, a académica Marilar Aleixandre, o historiador e tamén académico Ramón Villares e a profesora de Literatura española da Universidade de Santiago Cristina Patiño Eirín. A catedrática de Historia contemporánea da Universidade de Valencia, gañadora do Premio Nacional de Historia de 2011 pola súa biografía de Isabel II, profunda desta volta na vida dunha das grandes novelistas europeas do século XIX, na que retrata unha Pardo Bazán moito máis política do que foi considerada ata o momento, salienta o selo editorial.

Emilia Pardo Bazán foi unha intelectual apaixonada polo público, un mundo no seu tempo dominado polos homes. Con todo, acadou un importante protagonismo nos debates sobre a busca da modernidade de España, a súa rexeneración ou o papel das elites. Isabel Burdiel disecciona nesta biografía a complexa evolución do pensamento da escritora, elitista, profundamente nacionalista española pero tamén cosmopolita e defensora da europeización, e faino sorteando as dificultades que entraña a interpretación dos moitos paradoxos dunha personalidade chea de matices.

"Para unha historiadora política coma min, interesada nas posibilidades analíticas da biografía e no papel histórico dos mundos imaxinados, analizar esa faceta de Pardo Bazán foi estimulante", salienta Isabel Burdiel. "De feito, abriume o último terzo do século XIX dun xeito que non prevía e modificou así, nalgúns aspectos substanciais, a miña maneira de concibir as grandes liñas de discusión da España da época", confesa.

A Real Academia Galega custodia unha parte importante do legado arquivístico e bibliográfico de Emilia Pardo Bazán, nomeada presidenta honoraria da institución no ano da súa fundación (1905). En virtude do acordo asinado coa súa herdeira, desde 1978 a súa sede está na rúa Tabernas 11 da Coruña, antiga casa da escritora. O primeiro andar acubilla na actualidade a casa-museo dedicada á autora.