Insignia de Ouro a Salvador García-Bodaño

O membro de número da Real Academia Galega vén de recibir a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela en recoñecemento á súa contribución á cultura galega moderna.
García Bodaño recibe a insignia de Ouro de mans do reitor Casares Long
García-Bodaño recibe a Insignia de Ouro de
mans do reitor da Universidade de Santiago
de Compostela, Casares Long

Durante o acto, celebrado o 18 de decembro no Colexio de San Xerome da Universidade de Santiago de Compostela, o reitor desta universidade, Juan Casares Long, impúxolle a Insignia de Ouro da corporación ao académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui, a quen definiu como "unha das figuras máis sobranceiras da literatura galega actual" e do que destacou tamén o seu "inequívoco compromiso social e político co país".

Pola súa banda, García-Bodaño Zunzunegui, despois de agradecer a distinción recibida, confesou sentirse de volta "nos vellos días da memoria, unha sensación emotiva que se mestura con recordos da miña mocidade estudantil". Para o académico vigués, a súa etapa na universidade compostelá representa o tempo no que empezou a facerse pública a súa faceta como escritor -participando nas Festas Minervais celebradas en 1959- e tamén política, tomando parte en feitos como a constitución do Consello da Mocidade e na fundación da Asociación Cultural O Galo, pioneira –xunto c´O Facho- na defensa da cultura e da lingua galega no contexto da Ditadura.