Ingreso na Academia de Xosé Fernández Ferreiro

O novo membro de número pasou revista, no seu discurso de ingreso, á estreita relación entre literatura e xornalismo, e foi respondido, en nome da Academia, por Manuel Rivas Barrós.
Axeitos Agrelo, Méndez Ferrín e Fernández Ferreiro
Fernández Ferreiro despois de recibir a medalla de académico


Ao acto asistiron, ademais de numerosos membros de número e correspondentes da Academia, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Valentín García, secretario xeral de política lingüística; Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo; Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña; Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da Corporación Voz de Galicia; Luís González Tosar, presidente do Pen Clube; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Xosé Henrique Costas, vicerreitor da Universidade de Vigo; Mercedes Queixas Zas, secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Beatriz González Loroño, presidenta da Fundación Cidade da Cultura; Diego Rodríguez González, bibliotecario da Fundación Barrié de la Maza e Teresa López Fernández, decana da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, entre outros persoeiros do mundo da cultura.

Xosé Fernández Ferreiro
Fernández Ferreiro dando lectura ao seu discurso

Despois de ser acompañado na súa entrada polos membros numerarios Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo, o escritor e xornalista ourensán, Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) deu lectura ao seu discurso de entrada titulado Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, que empezou cunha extensa evocación de quen fora o seu antecesor na mesma cadeira: Francisco Fernández del Riego, sinalado como "un galego excepcional que amou e serviu a Galicia, con paixón e sen descanso, en múltiples eidos". Fernández Ferreiro pasou logo a enumerar os abundantes méritos na extensa folla de servizos ao País de Fernández del Riego, desde a súa temperá militancia no Partido Galeguista durante a República –que non abandonaría nos anos escuros so a ditadura franquista- a participación na fundación da Editorial Galaxia -que dirixe xunto con Ramón Piñeiro e Otero Pedrayo- e da revista Grial, a súa promoción, xa como académico, do Día das Letras Galegas, así como os seus numerosos estudos sobre a nosa literatura e historia.

Público asisten ao acto.
Imaxe do público e académicos asistentes ao acto


Para Fernández Ferreiro, o oficio de xornalista está marcado pola celeridade na súa execución e pola atención aos temas de actualidade, mentres que o escritor dispón de máis tempo para desenvolver unha historia que non ten porque estar definida, necesariamente, pola atención ao tema do día. Aínda así, "un escritor pode escribir nun xornal, e fano case todos aínda que esa non sexa a súa profesión específica", lembrou o autor de Agosto do 36. Sobre as diferenzas na formación entre ambos oficios, Ferreiro privilexiou a experiencia sobre o currículum académico no caso dos xornalistas, "O xornalista non se fai nas escolas, nin nas facultades do ramo. Faise no mundo frenético dun medio de comunicación", mentres que recomendou a lectura e a corrección infatigable dos textos, como a mellor escola para un escritor, "Escribir unha novela, xa que logo, ten que aprendelo cada quen á súa maneira".

A continuación, o novo académico deitou a súa diagnose sobre o estado crónico de crise da novela: "Eu creo que a novela non morrerá nunca. Mentres haxa homes e mulleres, mentres haxa vida, amor e odio, ricos e pobres, haberá novela", e felicitouse tamén polo renacer do xénero narrativo en Galicia nas últimas xeracións. Recuncando na cuestión do xornalismo, Fernández Ferreiro laiouse do peche de tres cabeceiras xornalísticas galegas nos últimos tempos, A Nosa Terra, O Xornal e Galicia Hoxe, e das continuas tentativas de control dos medios por parte do poder político, "todos os que mandan soñan con poñerlle un bozo aos xornalistas", exemplificándoo co caso dos redactores da Televisión Española recentemente despedidos. O novo académico tamén advertiu do perigo de intromisión dos grandes poderes fácticos económicos no mundo da información, e concluíu: "dalgunha maneira, a información está sempre manipulada".

Manuel Rivas Barrós
Manuel Rivas Barrós respondendo en nome da
Academia

Na quenda de resposta en nome da Academia, o membro numerario desta corporación, Rivas Barrós, trazou unha analoxía entre a figura do escritor e a do afiador para definir a carreira xornalística e literaria de Fernández Ferreiro: "Hai no afiador, en canto escritor, un inconfundible xeito de andar", e proseguiu, "vai encontrar desolación onde agardaba hospitalidade. Mais tamén o abrazo radical do descoñecido".

A continuación, Manuel Rivas rememorou o seu encontro nas páxinas de La Voz de Galicia coa escrita de Fernández Ferreiro, nunha serie de reportaxes na que relatou a revolta da xente de Taragoña contra a autoridade eclesiástica "nos tempos ruíns" da Ditadura.

Rivas Barrós tamén evocou as reportaxes de Fernández Ferreiro sobre a loita campesiña contra o encoro de Castrelo de Miño, "a roda, cando vai por diante, escoita ao pobo", que daría lugar máis tarde á novela Morrer en Castrelo de Miño. "Hai a mellor literatura nas crónicas de Fernández Ferreiro, mais tamén hai o mellor xornalismo na súa obra narrativa". Para Manuel Rivas, "Cada libro de Fernández Ferreiro é unha aposta radical no que se conta e no xeito de contalo. Ler a súa obra enteira é unha das mellores aventuras á que se pode entregar un lector na Galiza de hoxe". E concluíu, "Chegou o afiador. Chegou co seu ronsel de faíscas, a contravento, na intemperie, a roda incesante continúa nun mar de centeo".

O acto concluíu coa imposición da medalla da Academia ao novo membro numerario de mans do seu presidente, Méndez Ferrín, quen, despois de felicitalo, sinalou: "esta será unha data inesquecible para todos, especialmente, para min".

O discurso de entrada de Xosé Fernández Ferreiro pódese descargarf aquí.

Axeitos Agrelo, Méndez Ferrín e Fernández Ferreiro
Méndez Ferrín imponlle a medalla da Academia a Fernández Ferreiro