Inauguración da XXVI edición dos Cursos de verán

Nesta edición dos cursos, organizados conxuntamente pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística, matriculáronse 75 alumnos provenientes de 27 países.
Ernesto González, Alonso Montero, Víctor Millet, Valentín García e Manuel González
Ernesto González, Alonso Montero, Víctor Millet, Valentín García e Manuel González


O acto de inauguración celebrouse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, e contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González, do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet; do académico e director dos cursos, Manuel González González, e dos membros de número da Academia, Xosé Henrique Monteagudo Romero, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Luís Regueira Fernández e Antón Santamarina Fernández.

No seu discurso de benvida, o académico e director dos cursos Manuel González lamentou a forte baixada, dun 60 por cento, no orzamento destinado aos cursos no contexto da actual crise económica, o que supuxo unha diminución considerable tanto na cantidade de bolsas, como na súa contía. González González, despois de agradecerlle ás entidades públicas e privadas a súa colaboración no proxecto, dirixiuse aos novos alumnos para pedirlles que entendan "algo tan elemental como que o galego é a lingua propia deste país", e proseguiu: "Somos propietarios dunha casa multisecular, a casa do galego, e nosas son as cédulas de propiedade. Non pretendemos botar ninguén da casa, pero tampouco aceptamos que o noso hábitat quede restrinxido ao pendello e aos cortellos".

Ernesto González Seoane, director do ILGa, salientou na súa alocución o papel como embaixadores da cultura galega que os alumnos destes cursos mantiveron ao longo da súa historia: "Vostedes están chamados a ser verdadeiros focos de irradiación da lingua e da cultura galega que han compensar co seu traballo este xeneroso esforzo".

"Este é o final dun Camiño, tal vez o máis vello de Europa, ao que o noso goberno quere darvos a benvida", empezou sinalando o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, quen continuou dicindo "este territorio alberga tamén o tesouro da nosa lingua, que é a número vinte en uso na Internet". García Gómez rematou a súa intervención resaltando valor e utilidade dos Cursos de verán na exportación da nosa cultura, "moitos dos alumnos que pasaron por aquí, pasaron a ser despois tradutores da nosa literatura á súa lingua de orixe. Por iso fixemos un esforzo especial na promoción destes cursos".

O presidente da Academia, Alonso Montero, lembrou na súa disertación os tempos escuros para nosa lingua no comezo do franquismo: "Eu fun reprendido por falar galego na escola no 38, no 39, no 40,… inducíronme a desprezar o idioma que falaban os meus pais na casa". Alonso Montero pasou despois a describir a actualidade do conflito lingüístico en Galicia, "vostedes chegarán a saber por que os cidadáns deste país empregan unhas veces a lingua galega e outras a castelá. Deberían ir afacéndose á idea de que este é un país no que a lingua propia está en estado de emerxencia, unha lingua que aínda arrastra a súa condición subalterna, por expresalo en linguaxe gramsciana". O presidente da Academia rematou a súa intervención ilustrando cos exemplos dos profesores Elena Zernova, Jonathan Dunne e Johannes Kabatek, todos eles exalumnos dos Cursos de verán, a utilidade desta ferramenta para a proxección internacional da nosa lingua.

Víctor Millet, vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, defendeu o valor cultural do bilingüísmo, "España é o único país do mundo que posúe varias linguas de cultura que coexisten moitas veces de xeito conflitivo, pero eu quero transmitirlles hoxe a vostedes o valor cultural que supón coñecer máis dunha lingua".

Víctor Millet, Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Valentín García e Ernesto González
Víctor Millet, Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Valentín Garcían e Ernesto González cos alumnos do Curso de verán ao fondo