Homenaxe a "un dos presidentes máis brillantes" da Academia

O número 11 da rúa Tabernas, a sede da Real Academia Galega desde 1978 grazas ás xestións que fixo Sebastián Martínez-Risco, acolleu onte unha homenaxe, coorganizada pola propia RAG e a Irmandade Xurídica Galega, ao académico, xurista e escritor nos corenta anos do seu pasamento. Nas distintas intervencións recordouse o impulso que lle deu a esta institución Martínez-Risco como presidente (1960-1977), promovendo a entrada das figuras máis importantes da cultura galega e de xente nova ou apoiando a posta en marcha do Día das Letras Galegas. O seu compromiso coa terra e a lingua como xuíz e avogado en tempos complexos e a súa relación co galeguismo exterior foron outros dos perfís destacados do homenaxeado.

Na mesa, pola esquerda, Xosé Luís Franco Grande, Consuelo Castro Rei, Xesús Alonso Montero, Isabel Risco e Xosé Ramón Freixeiro Mato. Autor: RAG


No acto interviñeron Xosé Ramón Freixeiro Mato, biógrafo de Sebastián Martínez-Risco e profesor da Universidade da Coruña; Consuelo Castro Rei, membro da Irmandade Xurídica Galega e avogada do Estado; a actriz Isabel Risco, neta do académico; o membro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande, formado como pasante no despacho de Martínez-Risco; e o presidente Xesús Alonso Montero. Cada un deles profundou en distintas facetas do homenaxeado, desde a de xuíz e avogado de prestixio ata a literaria.

O perfil máis emotivo trazouno a súa neta Isabel Risco, que falou en nome da familia (ver vídeo aquí). "O feito de ser moi cativa cando o seu pasamento non me impediu seguir coñecéndoo e, de xeito case inconsciente, como unha sorte de xenética metafísica, ir incorporando a súa ética política e o seu amor por Galiza e por todo o que ela significa, se ben, e ao fin e ao cabo, é o propio país onde achamos todo o que precisamos para defendelo, admiralo e respectalo", expresou a actriz nunha sentida intervención na que tampouco faltou o humor.

O percorrido biográfico de Sebastián Martínez-Risco (Ourense, 1899 - A Coruña, 1977) realizouno Xosé Ramón Freixeiro Mato, quen lembrou as súas raíces nunha familia ourensá acomodada e de marcado carácter intelectual: era sobriño de Marcelo Macías, curmán de Vicente Risco e irmán do catedrático de Óptica Manuel Martínez-Risco, deputado nas derradeiras Cortes da República e falecido no exilio cando era profesor da Sorbona. Pouco despois de se licenciar, en 1924, converteuse en xuíz e posteriomente chegou a ser maxistrado, posto que exerceu na Audiencia de Ourense. En 1944 pediu a excedencia para se dedicar á avogacía na Coruña, cidade na que viviu ata o seu pasamento.

No eido literario e cultural empezou a publicar as súas primeiras pezas literarias, poemas, con só 17 anos e sería sempre un importante activista. Así, durante o seu destino en Vilalba fundou e dirixiu o Ateneo e escribiu teatro para ser representado na vila, e xa residindo na Coruña intensificou o seu compromiso: participou na creación da editorial Galaxia, presidiu a Coral Polifónica El Eco, colaborou no Galician Programme da BBC de Londres... Pero o seu papel máis relevante desenvolveuno como presidente da RAG, institución na que, despois de ser nomeado correspondente en 1944, ingresou como numerario en 1953 cun discurso titulado O sentimento da xustiza na literatura galega.

Xosé Ramón Freixeiro Mato lembrou o labor que emprendeu para modernizar a Academia, "á que lle deu prestixio e presenza pública", e felicitouse pola celebración dunha homenaxe necesaria para paliar o "gran descoñecemento" dunha persoa "que entregou o mellor de si propio en defensa e potenciación do patrimonio colectivo dun pobo dado a esquecer os máximos valedores".

A correspondencia co galeguismo exterior
O profesor da UDC abordou tamén a relación do académico coa Galicia da diáspora, o eixe de Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao seu coidado publicada pola Deputación da Coruña, e presentada onte na RAG en rolda de prensa. O libro toma o seu título dunha frase extraída dunha carta que Isaac Díaz Pardo lle escribiu a Martínez-Risco en 1955 desde Arxentina. O editor escolleuna "porque representa moi ben ese sentimento de preocupación polo futuro de Galicia" que lle amosaban ao académico as persoas que contactaban con el desde o exterior.

As 270 cartas recompiladas no volume permiten concluír que Martínez-Risco "actuou como unha especie de representante oficioso dunha Galicia que non tiña institucións propias de autogoberno". "O máis destacado desta correspondencia creo que é ver como en diversas partes do mundo había un sentimento de amor a Galicia, de interese pola súa cultura e a súa lingua, e que realmente desde eses núcleos o referente que tiñan era fundamentalmente a Real Academia Galega e Sebastián Martínez-Risco como o seu presidente", resume Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Xurista comprometido coa lingua e a terra
A traxectoria de Sebastián Martínez-Risco como xurista mereceu unha atención especial na homenaxe por parte de Consuelo Castro Rei, membro da Irmandade Xurídica Galega. El foi, de feito, a figura á que se lle rendeu tributo no acto fundacional desta organización, celebrado en Celanova no ano 2008. "Exerceu a profesión xurídica desde o compromiso coa terra e coa lingua, e ese compromiso reflíctese tanto na súa produción intelectual como na súa actitude persoal", salientou. Non en van, foi unha das figuras máis destacadas no ámbito do Dereito civil especial de Galicia e ensaísta no eido xurídico, labor que desenvolveu habitualmente en galego.

O académico Xosé Luís Franco Grande achegou unha visión máis persoal lembrando unha relación que empezou cando, unha ver rematada a carreira de Dereito, foi pasante durante cerca de dous anos (1960-1962) no despacho de Martínez-Risco, na praza de Galicia da Coruña. Neste período viviu de cerca o seu nomeamento como presidente da RAG e os cambios que foi imprimindo para a modernización da institución, entre os que destacou, como Xosé Ramón Frexeiro Mato, a aposta por abrir a RAG á xente nova e máis importante da cultura galega.

No tempo en que foi presidente renováronse preto de trinta cadeiras, entre elas a que ocuparía o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017, Carlos Casares, aínda que a súa cerimonia de ingreso tivo lugar en 1978. "Para min foi un dos máis brillantes presidentes que tivo a Academia", conclúe Xosé Luís Franco Grande.

Un intelectual polifacético e xeneroso
Naquel despacho de avogados no que Franco Grande foi pasante traballou a carón de Martínez-Risco outro académico, Marino Dónega, quen tras o seu pasamento escribiu unha necrolóxica na que se inspirou Xesús Alonso Montero para definilo. "Estou plenamente de acordo coa semblanza de Dónega, quen o coñecía moi ben. Nese retrato poñía o acento en trazos que o caracterizaban: don Sebastián foi un home bo, un home xeneroso, humanista, sobrio e atento, e tamén un intelectual polifacético, indicou.

Xesús Alonso Montero quixo lembrar tamén a iniciativa que tivo cando se cumpriron os 50 anos da aparición de Nós, en 1970. O seu último número, o 144, saíra do prelo en 1936. "El ideou o 145 e pediulles a colaboradores históricos da revista, como Otero Pedrayo ou Bouza-Brey, que participasen".

O monográfico que se lle dedicou á figura de Castelao en 1975 no Boletín da Real Academia Galega é outro exemplo dos detalles deste home de "sensibilidade exquisita" que tamén cultivou a poesía. Dentro da súa faceta literaria, Xesús Alonso Montero referiuse a unha panxoliña que o homenaxeado escribiu o devandito ano. Nela, a virxe María dille ao neno Xesús "meu caravel, miña nosa, / meu bico de paxariño". "Nesta panxoliña, a virxe María arrola por primeira vez o neno Xesús en galego", asegurou.