Galaxia promove dúas obras teatrais sobre novelas de María Victoria Moreno e outra sobre a súa vida

As novelas Leonardo e os fontaneiros e Anagnórise contarán este ano con cadansúa adaptación teatral a cargo de Ubú Teatro e Limiar Teatro, que tamén levará a escena a vida de María Victoria Moreno. A editorial Galaxia promove as pezas dentro da súa programación co gallo do Día das Letras Galegas dedicado á autora, fundadora e codirectora da súa colección infantil, Árbore.

Ubú Teatro, tras adaptar o pasado ano A galiña azul de Carlos Casares, volver levar aos escenarios da man de Galaxia unha obra da figura á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio. Desta volta será a historia do can Leonardo, Antón e os seus compañeiros de curso, os fontaneiros, galardoada en 1985 co 3º Premio Barco de Vapor. Limiar Teatro asume o reto de adaptar a novela máis recoñecida de María Victoria Moreno, Anagnórise, que narra a fuxida de Nicolau, un adolescente que escapa da casa, acompañado da muller que o recolle facendo autostop.

Limiar Teatro representará ademais unha segunda obra baseada na vida de María Victoria Moreno, unha traxectoria que tamén poderá percorrerse a través das páxinas da biografía que preparou para Galaxia a profesora Montse Pena Presas. O libro sairá do prelo a finais de xaneiro baixo o título A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Máis adiante, en colaboración co Consorcio de Santiago, a editorial publicará nunha edición especial É a lúa que baila, un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas de Federico García Lorca prologado polo académico Xesús Alonso Montero.

Galaxia está a reeditar desde 2017 títulos de María Victoria Moreno que son parte do seu catálogo. É o caso das novelas xa mencionadas, A festa no faiado (1983), ¿E haberá tirón de orellas? (1997) ou Guedellas de seda e liño (1999), así como Onde o aire non era brisa, novela escrita nos anos 60 en castelán e traducida ao galego en 2009.