Gabriel Rei-Doval, 'Este foro supón un recoñecemento definitivo á relevancia internacional da lingua galega',

Gabriel Rei-Doval, Profesor Titular de Lingüística Luso-Hispánica na Universidade de Wisconsin-Milwaukee (EEUU), é un dos promotores da creación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galega da MLA. Nesta entrevista ofrécenos a súa valoración deste feito crucial na proxección exterior da nosa cultura.
Gabriel Rei-Doval
Gabriel Rei-Doval


O proceso para a apertura deste Foro na MLA ten o seu punto de partida na creación, no 2004, da listaxe de correo Xan González-Millán de Estudos Galegos, pero os seus precedentes podemos atopalos tamén en figuras como o propio Xan González Millán ou Emilio González López, ambos os dous profesores en universidades norteamericanas. Podería vostede trazar, brevemente, unha historia da introdución da temática dos Estudos Galegos na comunidade académica dos Estados Unidos?
Trátase efectivamente dunha historia antiga, que se remonta ós inicios da civil española, cando diferentes investigadores e profesores galegos se exilian en Estados Unidos e comeza paseniñamente a establecerse un interese por cuestións e temas académicos relacionados con Galicia. Como xa se ten comentado noutros foros, o galicianismo norteamericano ten como antecedentes ilustres figuras senlleiras do hispanismo e lusitanismo norteamericanos coma as de Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal, Xosé Rubia Barcia ou Ramón Martínez López. Os catro foron líderes importantísimos desde outras tantas destacadas institucións académicas dos Estados Unidos. A nómina é moi longa e distinguida, e esas e outras figuras tiveron continuadores igualmente distinguidos.

Mais non quixera deixar de referirme ó que foi e segue sendo para moitos dos galicianistas norteamericanos (e tamén alén) o principal referente contemporáneo: Xoán González Millán. A pesar da súa prematura desaparición, González Millán supuxo unha renovación e elevación dos estudos galegos, primordialmente literarios e culturais, a unha altura nunca antes coñecida. Se o profesor González Millán estivese entre nós, sen dúbida compartiría a ledicia desta tan feliz nova. Onde queira que estea, exactamente doce anos despois da súa desaparición, a súa memoria e a súa enerxía positiva seguen connosco. Esta, Xan, vai por ti.

Cales son os obxectivos e as principais liñas de traballo que vai desenvolver este Foro?
O novo comité executivo do foro (integrado por Kisty Hooper, Eugenia Romero, Obudlia Castro e eu mesmo) terá aínda que reunirse para establecer unha orde de prioridades. Mais de xeito preliminar penso que se pode afirmar que o principal será visibilizar, espallar e incrementa-la presenza dos estudos lingüísticos, literarios e culturais galegos nos EEUU a través da maior corporación académica deste país. A visibilidade e impacto de MLA esperamos que axude a consolida-la idea de que estudar Galicia e a nosa lingua, literatura e cultura é academicamente relevante e rendible; queremos contribuír a incrementa-la nómina de estudosos galicianistas en Nortemérica, dar a coñecer as inmensas posibilidades de diálogo que Galicia e os artefactos culturais e literarios baseados na lingua galega ofrecen ó mundo anglófono e no ámbito internacional e das sociedades contemporáneas, considerando tanto a nosa longa tradición cultural coma a relevancia que os temas relacionados con Galicia teñen tanto no nivel local coma global.

Inicialmente, teremos que poñer énfase en dar corpo á rede galicianista xa existente, asenta-la instalación dos estudos galegos na Modern Language Association e xestiona-las sesións sobre estudos galegos que a partir de xaneiro de 2016 se celebrarán de forma regular tódolos anos nos congresos MLA, ademais de incrementa-las publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas.

Buscaremos tamén expandi-la presenza dos temas galegos entre as asociacións rexionais da marca MLA, para constituír unha rede máis densa e consistente de galicianistas tanto en Norteamérica coma noutros países onde a organización conta con socios afiliados. Estas serían algunhas liñas iniciais, sen descartarmos outras, que sen dúbida irán xurdindo no proceso de diálogo que se ha dar no seo do Comite Executivo do Foro de Lingua, Literatura e Cultura da MLA.

Na carta enviada á directiva da MLA en xuño de 2013 solicitábase, así mesmo, a creación dunha Sección Permanente de Estudos Galegos no interior da MLA, como contempla vostede, a día de hoxe, esta posibilidade?
En realidade, a estrutura de MLA mudou como parte do mesmo proceso que permitiu a creación do noso Foro Galician LLC. O que antes era unha sección permanente agora chámase Foro, de maneira que ese é un obxectivo xa cumprido. Por suposto, teremos que mante-los altos estándares de funcionamento e rigor que establece MLA, e seremos obxecto, coma calquera dos outros foros MLA, dun seguimento e avaliación permanente. Ós cinco anos da formación do foro MLA revisará o traballo realizado, e sen dúbida para daquela a visibilización, presenza e relevancia da lingua, literatura e cultura galegas incrementaranse ata o punto de seguirmos traballando, se cadra con máis vitalidade e forza, desde MLA na promoción dos estudos galegos.

Por último, que importancia ten, ao seu ver, a creación deste Foro na proxección exterior da nosa cultura?
Eu penso que a creación deste foro supón, en primeiro lugar, un recoñecemento definitivo á relevancia internacional da lingua galega, e un recoñecemento tamén a todos e tódalas que axudaron a configura-la nosa lingua, cultura e literatura desde o Rexurdimento, e que aínda hoxe fan, co seu tesón, entusiasmo e entrega que o galego sexa a nosa lingua propia. Galicia, o galego e os feitos culturais a que estas realidades socioculturais deron lugar conseguen un respaldo e aprobación definitivos por parte da comunidade científica que MLA representa, e que fai xustiza ós esforzos individuais e colectivos de moitos galegos e galegas.

Penso que supón tamén darlle carta de validez e identidade ós procesos de recuperación sociolingüística e sociocultural levados adiante en Galicia na época contemporánea. A partir de hoxe podemos dicir que a lingua galega é, ademais da lingua propia de Galicia, unha lingua plenamente internacional á par das demais linguas do mundo, unha lingua na que, ademais de comunicármonos de forma normal no noso país, podemos dialogar con moitos millóns de persoas sen deixarmos de ser galegos e estar orgullosos do noso. Espero que a feliz aprobación deste foro faga agromar e levantar máis "mariñeiros, labregos da linguaxe", que diría o noso poeta. En definitiva, hoxe é un día para que tódolos falantes de galego do mundo se sintan satisfeitos e orgullosos de selo. Gallaecia fulget.

*Gabriel Rei-Doval é Profesor Titular de Lingüística Luso-Hispánica na Universidade de Wisconsin-Milwaukee (EEUU). Anteriormente, ensinou Lingua e Cultura Galegas no Queen's College da Universidade de Oxford e na Universidade de Birmingham (Inglaterra). Participou e dirixiu diversos estudos sociolingüísticos galegos, área á que segue dedicando a maior parte da súa investigación, xunto á historiografía da lingüística. É (co)autor ou editor de doce monografías de lingüística, sobre todo galega, e entre as súas publicación destacan Vender en galego (Consello da Cultura, 1997), A lingua galega na cidade: unha aproximación sociolingüística (Xerais, 2007), A lingüística galega desde alén mar (USC, 2009), Contacto lingüístico, hibrididade e cambio: contextos, procesos e consecuencias (Consello da Cultura Galega, 2013) e Responses to Langauge Endangerment: Directions in Language Documentation and Language Revitalization (John Benjamins, 2013). Así mesmo, co-dirixe a lista de discusión do González-Millán Group for Galician Studies e é membro do comité executivo fundacional do MLA Galician LLC Forum.