Fina Casalderrey gaña o Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Letras

Os Premios da Cultura Galega 2015 veñen de recoñecer, na modalidade de Letras, a traxectoria de Fina Casalderrey. A escritora, membro de número da Real Academia Galega, desenvolveu boa parte do seu labor creativo como narradora de ficción infantil e xuvenil, na que leva colleitado unha morea de galardóns. A súa obra, que destaca polo coidado uso do idioma e o manexo de distintos rexistros lingüísticos, foi traducida a diversas linguas como o español, o catalán, o éuscaro, o inglés, o italiano, o francés ou o coreano.

Fina Casalderrey publicou máis de medio cento de libros co recoñecemento tanto do público como da crítica, que lle ten outorgado, entre outros, o Premio Merlín do ano 1991 por Dúas bágoas por Máquina, o Barco de Vapor de 1994 por O misterio dos fillos de Lúa, que tamén mereceu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 1996; o Edebé de Literatura Infantil de 1995 por O estanque dos parrulos pobres, o Álvaro Cunqueiro de 1999 por Repostería en Galicia, a Medalla Castelao no 2003 e o recoñecemento de Socia de Honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix).

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2015 reuniuse onte para determinar os galardóns nas súas oito modalidades. Xunto a Casalderrey, foron premiados o debuxante Miguelanxo Prado (Artes Plásticas), o Real Coro Toxos e Froles (Música), o cineasta Ignacio Vilar (Audiovisual), a actriz María Bouzas (Artes Escénicas) a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística (Lingua), a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Patrimonio Cultural) e a investigadora Kathleen March (Promoción Exterior), quen participou o pasado mes de xullo nos Cursos de lingua e cultura galegas da RAG.

March, filóloga da Universidade de Maine, traduciu ao inglés a autores como Álvaro Cunqueiro ou Claudio Rodríguez Fer e foi a primeira presidenta da Asociación de Estudos Galegos. Na súa carreira combinou sempre o estudo da literatura galega co da escrita realizada por mulleres, un interese dobre que reflectiu este verán na súa intervención nos cursos de galego para estranxeiros da Academia.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu un xurado do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo, en representación da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, respectivamente; Carmen Prieto, directora do Arquivo do Reino de Galicia; Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual; a intérprete Rosa Cedrón e a galerista Asunta Rodríguez. Como secretaria, actuou a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.