Enterro de José Castro González, 'Chane'

O 5 de marzo de 1917 era enterrado no cemiterio coruñés de San Amaro o compositor santiagués José Castro González, máis coñecido como Chané.
Imaxe de José Castro, Chané
José Castro, "Chané". (Arquivo RAG)


Chané nacera en Santiago de Compostela en 1856, e obtivera, xa desde moi novo, numerosos éxitos como director de corais e orfeóns, entre os que destaca o acadado no festival de París de 1889 dirixindo a coral coruñesa El Eco. Aínda así, cando suprimen, en 1893, a cátedra de música da Escola de Belas Artes da Coruña da que era profesor titular, vese obrigado a emigrar á Habana.

Na cidade caribeña Chané entra en contacto inmediatamente co círculo de emigrantes galeguistas agrupados arredor da figura de Curros Enríquez, como Nan de Allariz ou Fontenla Leal; é nomeado director do orfeón Ecos de Galicia, da capital cubana; e participa tamén na fundación da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega da Habana, da que chegará a formar parte como académico correspondente.

É tamén nesta etapa cando Chané musica algunhas composicións do insigne poeta celanovés, como "Unha noite na eira do trigo" ou "Un adiós a Mariquiña", e cando morra Curros en 1908, o músico santiagués será o encargado de acompañar o traslado do seu cadáver desde a Habana ata a Coruña.

Finado el mesmo o 27 de febreiro de 1917, o Centro Galego da Habana decide custear o transporte dos seus restos mortais a Galicia, a onde chega, o 4 de marzo de 1917, acompañado por Fontenla Leal. Ao día seguinte, José Castro González recibe sepultura con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enriquez, no cemiterio coruñés de San Amaro.

Nesta ligazón pódese consultar a crónica do seu enterro no Boletín da Real Academia Galega, ou aquí a nova que dá Antón Villar Ponte deste mesmo suceso e outros, n´A Nosa Terra.