Encrucillada celebra 40 anos cunha monografía dedicada ás Letras Galegas

Encrucillada celebrou hoxe na Real Academia Galega os seus 40 anos nun acto no que se presentou a monografía editada co gallo deste aniversario, As Letras Galegas na Encrucillada. A publicación, a primeira revista de pensamento cristián da Transición escrita en galego, compila os artigos publicados desde 1977 sobre os persoeiros aos que a RAG lles dedicou o Día das Letras Galegas (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e, nun segundo tomo, outros traballos sobre autores da nosa literatura.

Pola esquerda, Pedro Castelao, director de Encrucillada; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Marisa Vidal, secretaria da revista; e o teólogo Andrés Torres Queiruga, presidente da Asociación Encrucillada, primeiro presidente da revista e académico, posan xunto ao público con exemplares dos primeiros números da publicación e a monografía presentada hoxe. Fonte: RAG


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de honra da Asociación Encrucillada e primeiro director da publicación, o académico Andrés Torres Queiruga, estiveron acompañados na presentación do actual director e da secretaria da revista, Pedro Castelao e Marisa Vidal. Fran e Marina amenizaron musicalmente o serán.

Víctor F. Freixanes deu a benvida ao público e expresou a súa admiración por Encrucillada por "coller o relevo" de Logos -a revista de cultura relixiosa editada entre 1931 e 1936- e anovar o seu discurso, profundando na "irmandade entre o compromiso cristián e unha esquerda que quere facer unha sociedade mellor". A súa historia comezou en 1977, no barrio de Canido de Ferrol, procurando o diálogo entre a fe e a cultura, desde unha ollada galega e en galego, porque o seu compromiso coa lingua era e é, salienta Andrés Torres Queiruga, "incondicional". O académico definíaa na presentación daquel primeiro número como "unha nova revista galega máis" nun panorama "que de súpeto comeza a animarse e poboarse" porque, recordaba, tras moitos anos de traballo en solitario de Grial, acababa de saír á rúa Teima -a primeira revista semanal da Transición editada integramente en galego dentro de Galicia-. "Non hai aquí casualidade, senón estrita necesidade. A dun corpo social longamente amordazado, falado-falsexado nun idioma alleo, emigrado de si mesmo, roto na súa intimidade, esgazada a súa trama social polo imposto -e xa moitas veces interiorizado- turrar de tantas cordas de guiñol, que desde fóra decidían os camiños da política e do diñeiro, os da fala e os da escola, os da cultura e ata os do Evanxeo", proseguía naquelas primeiras páxinas.

Con estas palabras é fácil entender que os temas abordados nas páxinas de Encrucillada nunca se cinguisen exclusivamente ao ámbito propiamente teolóxico e que reflictisen e reflictan tamén as inquedanzas culturais, sociais, políticas e mesmo económicas de cada momento a través das achegas dos seus colaboradores. Exemplo do carácter aberto da publicación son os artigos da monografía As Letras Galegas na Encrucillada, con máis de mil páxinas que recollen distintas contribucións sobre os autores máis celebrados das nosas letras.

‘As Letras Galegas na Encrucillada' e o reto de dar voz ás "boas e xenerosas"
Os estudos que xunta a monografía presentada hoxe na RAG ofrecen a visión de 45 autores, entre os que figuran membros de número de Academia como Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro e Salvador García-Bodaño, e correspondentes como Helena Villar Janeiro, Clodio González e Xavier Carro. As olladas recompiladas sitúanse, explica o director Pedro Castelao no limiar, desde unha perspectiva relixiosa entendida dunha maneira aberta, procurando, "atender as liñas de forza que emerxen nas cuestións máis fondamente humanas" e "situar o lector ou lectora fronte aos misterios da vida nos mundos imaxinarios ou reais dos nosos creadores de literatura".

Os artigos sobre os 40 protagonistas do Día das Letras Galegas desde 1977 ata 2017 complétanse nun segundo tomo con achegas que profundan nalgúns deles, como Vicente Risco, Celso Emilio Ferreiro, Sarmiento ou Carlos Casares, e outros artigos sobre 12 autores destacados da nosa cultura, desde Rosalía de Castro e Castelao a Ramón Cabanillas ou Florentino López Cuevillas.

As grandes ausentes nestes e noutros artigos da revista, salientou Marisa Vidal, son as mulleres, moi poucas tanto como autoras estudadas como asinantes de colaboracións. A excepción, sinalou, é Rosalía de Castro, á que se lle dedicou todo un número con seis artigos, "todos eles escritos por homes". "É paradigmático o caso, pois mostra a perigosa mitificación que o patriarcado fai con Rosalía, de xeito similar ao que sucede no cristianismo con María de Nazaret. Colocada nunha peaña, como unha santiña, córrese o risco de facer de Rosalía unha icona de feminidade, caendo na mistificación da feminidade que denunciaba Betty Friedan nos anos 60, e afastándoa da muller real que foi", expresou. Tras esta análise, salientou "que coidar a presenza e a voz das mulleres" ten que ser "o compromiso de futuro" da revista. "Gustaríame que tamén fose o reto de futuro de cada un e cada unha de nós, nos diferentes mundos que habitamos. Non hai tempo que perder. A humanidade, e Galicia, máis que nunca están precisando o recoñecemento e o facer das boas e xenerosas", rematou.


Público seguindo o acto. Fonte: RAG

 


Actuación de Fran e Marina. Fonte: RAG