Empeza o Ano María Victoria Moreno

O vindeiro 17 de maio Pontevedra acollerá o acto central da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno, pero as iniciativas a prol da difusión do seu legado literario e da súa vida xa comezaron. Na web da institución xa pode lerse a biografía sobre a escritora que asinan as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, na que percorren os seus principais títulos, desde a publicación en 1973 de Mar adiante -unha das obras pioneiras da literatura infantil galega-, o compromiso co ensino da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo ou o labor como editora, entre outros perfís.
María Victoria Moreno

María Victoria Moreno, resumen Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, "contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras". "Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social", conclúen.

Nas pescudas que realizaron arredor da vida e da obra de María Victoria Moreno, as académicas emendaron unha confusión difundida pola propia autora sobre a súa data de nacemento. Ela afirmaba que nacera en 1941, dous anos despois da data de nacemento real, seguramente para facela coincidir coa das compañeiras de bacharelato, etapa que iniciou tarde debido á situación económica da familia.

Filla de malagueña e toledano, e nada circunstancialmente en Cáceres, foi galega por elección. "A historia de amor entre María Victoria e Galicia comeza en Pontevedra", escriben as académica na biografía de academia.gal. Esta cidade foi de feito o seu primeiro destino como mestra tras aprobar, en 1965, as oposicións, e o seu fogar e lugar de traballo definitivo a partir de 1967, logo de impartir aulas un par de anos no Instituto Masculino de Lugo.

A sección "Tribuna" de academia.gal tamén abre o ano cun artigo en forma de carta de Marilar Aleixandre dedicada á autora. O texto remata incidindo de novo na importancia de Pontevedra na vida de María Victoria: "Aquí viviches no paraíso. Paraíso foi a rúa amada Pontevedra. Paraíso as aulas, que non desertaches nin estando enferma. Desde Galicia, que este ano te canta, recibe o noso agarimo. Ti segue teimando". Como escenario vital central que foi da homenaxeada, a cidade será este ano a capital das Letras Galegas. Segundo o acordado co Concello, o Teatro Principal da cidade acollerá o acto académico do 17 de maio e, semanas antes, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que, baixo o lema "Mulleres de conto", María Victoria Moreno terá un protagonismo especial.