Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación quecemento global e sentidiño chegan á final da Palabra do Ano

Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño son os seis termos finalistas que aspiran a se converter na Palabra do Ano 2019. O público poderá participar na votación virtual que se manterá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Ambas as entidades animan a cidadanía a participar na escolla colectiva da voz que mellor resuma o ano a piques de rematar ou que saliente un tema de especial relevancia nos últimos doce meses.

A fase de recollida de suxestión pechouse o pasado domingo con preto de 7.000 achegas que sumaron uns 400 palabras diferentes. Moitos delas reflicten, igual cás finalistas ecocidio, quecemento global e feminicidio, a crecente preocupación social polo dano ambiental provocado pola acción humana e pola desigualdade de xénero. A situación política local e global tamén deixou un regueiro de suxestións, entre elas negociación. Neste mesmo contexto, entre outros, podería encadrarse igualmente a proposta de sentidiño, moito máis ca un diminutivo convertido polos falantes nun xeito de noso de referírmonos ao sentido común.

O termo feminicidio non está recollido no Dicionario, pero axústase ás normas de formación de palabras do galego e cobra forza na fala cotiá para visibilizar a expresión máis extrema da violencia de xénero como paso imprescindible para combatela. Só no contexto estatal dende 2003 —cando se comezaron a contabilizar os asasinatos de mulleres polo feito de selo—, rexistráronse máis dun milleiro de vítimas mortais. Non é a primeira vez que un termo relacionado coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chega a ser finalista da Palabra do Ano: en 2018 fórono feminismo e apoderamento e en 2017, violencia de xénero.

A alerta entre a cidadanía tamén medra ante o desafío do quecemento global, o aumento da temperatura media da Terra causado pola acumulación de gases contaminantes na atmosfera derivada da acción humana dende a Revolución Industrial. A intervención lesiva do ser humano en todo tipo de ecosistemas está a xerar outros neoloxismos como ecocidio, un concepto que se refire á destrución masiva, dano ou perda dun ecosistema de certo territorio. Polo momento aparece recollido como un delito en diversos códigos penais, pero as voces expertas reclaman unha convención internacional.

O 2019 foi ademais o ano en que comezamos a empregar a palabra narcosubmarino. Esta é outra creación neolóxica, de orixe americana, que irrompeu na nosa contorna tras ser interceptado o pasado mes de novembro na costa galega, por primeira vez en Europa, un navío deste tipo dedicado ao tráfico de drogas.

De corrupción a deseucaliptización
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. "A palabra do día" é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Desde 2014 convida ademais a toda as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores gañaron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

O traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié permitiu levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.