Letras galegas 2020

Asunción Fernández

“Don Ricardo encargábase de todo no Colexio Fingoi, foi un gran pedagogo”

Asunción Fernández

En 1950 abría as portas no barrio lugués de Fingoi o colexio co mesmo nome promovido por Antonio Fernández López. Xunto aos seus irmáns, foi o creador de empresas pioneiras na economía galega, como a química Zeltia (1939) ou Pescanova (1960), mais tamén un filántropo comprometido co desenvolvemento cultural e social do país que prestou un grande apoio para converter en realidade o Museo de Lugo, a Editorial Galaxia ou a Fundación Penzol. Por iso cando en plena posguerra apostou por crear un colexio mixto herdeiro do espírito da Institución Libre de Enseñanza non dubidou en contar con Ricardo Carballo Calero, quen aínda sufría as represalias do goberno franquista. A actual directora do centro, Asunción Fernández, lembra a pegada que o protagonista do Día das Letras Galegas 2020 deixou neste proxecto e a súa propia experiencia como alumna.

Ricardo Carballo Calero dirixiu o Colexio Fingoi durante quince anos, ata que en 1965 a Universidade de Santiago de Compostela reclamou os seus servizos para asumir a docencia das primeiras aulas de lingua e literatura galegas no ensino universitario de Galicia.

Por que decidiu Antonio Fernández López crear o Colexio Fingoi?

Na casa eramos doce irmáns. Os seis primeiros foron á Escola de Barreiros (Sarria), pero ao chegar o momento de estudar o bacharelato tiñan que marchar para Lugo. Meu pai era unha persoa con moito sentido común e non comungaba co tipo de ensino que se impartía naqueles anos, tanto nas escolas relixiosas coma nas públicas, memorístico e sen conexión coa realidade próxima. Decidiuse a fundar o colexio animado polo profesor e amigo, José Cabanillas, que logo sería docente de matemáticas no centro. El dicíalle: "Se tes doce fillos, crea o teu propio colexio!". E así o fixo, e tivo claro que o faría inspirándose na Institución Libre de Enseñanza, coa que estivera en contacto cando estudara Enxeñaría de Camiños en Madrid. A súa propia irmá Concepción, que tamén fixo alí a carreira, pasara pola Residencia de Señoritas.

Fingoi foi dende o primeiro momento un centro mixto nun momento en que imperaba a educación segregada. Como foi posible?

Ata o curso 1956-1957 o colexio non conseguiu a homologación, de maneira que o alumnado tiña que examinarse por libre, e cando a acadou foi porque se logrou que fose recoñecido como un centro experimental, doutra maneira as autoridades nunca permitirían naqueles anos a apertura dun colexio mixto. Meu pai concibiu o colexio como un lugar para educar persoas libres e de maneira integral. Iamos á praza para traballar as matemáticas, tiñamos un horto, unha estación meteorolóxica, impartíanse clases de música tradicional e baile, faciamos excursións pola contorna e viaxes por toda España...

Por que pensou o seu pai en Ricardo Carballo Calero para a dirección do Colexio Fingoi?

Foi unha proposta dun amigo en común do meu pai e de don Ricardo, Álvaro Gil Varela, que coma José Cabanillas e o propio Carballo Calero fora represaliado tras a guerra civil. Pareceulle boa idea pola gran formación que tiña, era un grande erudito. Pero don Ricardo foi a persoa ideal para isto porque, á parte da gran sabedoría e formación que tiña, era un gran pedagogo.

Dende que saíra da cadea en liberdade provisional en 1941, Carballo Calero seguía a sufrir o veto da administración franquista e gañara a vida dando clases en academias privadas. Como o sorteou en Lugo?

Oficialmente non podía figurar como director, así que foi nomeado conselleiro delegado do padroado que se creou, no que participaban familias e persoeiros da cultura.

Ricardo Carballo Calero cos primeiros alumnos e alumnas de Fingoi.
Ricardo Carballo Calero cos primeiros alumnos e alumnas de Fingoi. Fonte: Colexio Fingoi

De que se encargaba no centro?

De todo. Vivía no propio recinto escolar, nunha casiña –coa muller e as fillas– onde estaba pendente de todo dende que o colexio abría ás 8:30 ata que pechaba ás 20:30 horas. Non só daba case todas as clases de lingua e literatura, tamén estaba no comedor, nas horas de estudo...

Vostede mesma foi alumna del. Como o recorda?

As súas clases eran moi motivadoras. Non facía case nin falta coller apuntamentos, era realmente ameno, impartía aulas moi interactivas. No colexio nunca se empregaron libros de texto e con don Ricardo traballabamos directamente con obras literarias. Non se limitaba a falarnos da literatura, sempre relacionaba as obras con outras cuestións de historia, xeografía ou música. Gustáballe moito cantar e ensinábanos moitísimas cancións populares, galegas e doutras partes de España, segundo o tema que estivésemos a tratar en cada momento.

Lembra algunha canción en especial que lle aprendese ao alumnado?

"Quen me dera lobeira", que foi logo interpretada por Amancio Prada. Enchíase de emoción cando a cantabamos, choraba e todo, porque malia ser un home tremendamente serio tamén era moi sensible.

Naqueles anos non estaba permitida a docencia en galego. Como levaba ás aulas a lingua?

Introducía a lingua a través das obras literarias que liamos. Estudabamos autores coma Castelao, Rosalía ou Otero Pedrayo, e animábanos a escribir as nosas propias obras e a envialas a concursos cando pagaban algo a pena. Tamén representabamos obras de teatro en galego. Eu mesma participei na representación de "Pimpinela" (un dos lances d'Os vellos non deben de namorarse de Castelao), na Farsa das zocas (do propio Carballo Calero) ou na adaptación que fixo d'O círculo de xiz.

Alumnado de Fingoi representando a adaptación d'O círculo de xiz realizada por Ricardo Carballo Calero.
Alumnado de Fingoi representando a adaptación d'O círculo de xiz realizada por Ricardo Carballo Calero. Fonte: Colexio Fingoi

O teatro escolar é, de feito, unha das grandes achegas que se lle recoñecen da súa etapa en Fingoi.

El encargábase de todas as partes: montaba as obras, dirixíaas... Sabía aproveitar o teatro como gran recurso pedagóxico que é, como parte dunha educación integral. Dáballe, por exemplo, moita importancia a que aprendésemos a falar ben e o teatro é un medio moi bo para traballar esta destreza.

O colexio formou parte dun proxecto cultural máis amplo, o Centro de Estudos Fingoi, a través do cal Antonio Fernández concedeu bolsas de investigación, fundamentalmente no eido das humanidades. Naqueles anos en que Carballo Calero foi director, polo colexio pasaron grazas a estas axudas persoas novas que axiña destacarían na cultura galega.

Si, foi o caso de Arcadio López-Casanova, de Xosé Luís Méndez Ferrín ou de Bernardino Graña. Méndez Ferrín deu clases dous anos en Fingoi e desa época é O cancioneiro de Pero Meogo (1966); e Bernardino Graña axudou a don Ricardo na edición dos Contos populares da provincia de Lugo (1963). Meu pai creara en 1939 a granxa de Barreiros, unha explotación agrícola innovadora que en 1948 se completou coa escola agrícola. O seu primeiro mestre foi Avelino Pousa Antelo. Entre outras iniciativas, acubillou uns cursos nos que participaban mestres de toda a provincia de Lugo que recollían, xunto co seu alumnado, contos, cancións e outros materiais etnográficos. Baixo a dirección de Ricardo Carballo Calero, Bernardino Graña foi o encargado de escolmar e ordenar eses relatos, publicados naquel volume, que acaba de ser reeditado por Galaxia.