Dolores Vilavedra sobre Vidal Bolaño

A profesora de literatura galega da USC e crítica literaria estudou a fondo o fenómeno teatral de Abrente así como diversos aspectos da escrita dramática galega contemporánea. A continuación achegamos as súas respostas ao Cuestionario Roberto Vidal Bolaño.
Dolores Vilavedra
A profesora Dolores Vilavedra. (Xandre Vázquez)

Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Non estatismo, dinamismo e coherencia. Capacidade de dialogar tanto coa tradición coma coa actualidade. Comprensión da obra dramática como unha totalidade na que a vontade literaria e a funcionalidade escénica resultan planos complementarios que se potencian mutuamente. Vontade de empregar o teatro como ferramente axeitada para activar nos espectadores a autoconciencia reflexiva e crítica das posibilidades e límites do ser humano.

Que importancia tivo a súa figura -como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Vidal Bolaño xogou un papel clave na fundacional Xeración Abrente sen a cal, simplemente, hoxe non existiría o teatro galego. Xa dende unha perspectiva máis individual, cómpre salientar que, ademais da afouteza amosada ao dar o salto á profesionalización nos albores da década dos 80, foi quen de propor xa nos 70 unha alternativa estética orixinal e autóctona a unha dramaturxia nacente que procuraba desesperadamente un camiño singular. E logo soubo coma ninguén aggiornarse, evoluír e madurar profesional e artisticamente.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Toda. Non abondan corpus dramáticos tan amplos, diversos e valiosos. Vidal Bolaño deixounos obras inspiradoras para todas as situacións históricas, todos os públicos e todas as necesidades profesionais. Cando dispoñamos da súa obra completa ben editada e a disposición de todo o público iremos vendo como a sociedade galega descubre e fai seu ese extraordinario patrimonio teatral, aínda pouco coñecido.