Doazón procedente de Primitivo Rodríguez Sanjurjo

Josefina Rodríguez-Sanjurjo y Salgado, filla do escritor, depositou na Academia boa parte do legado intelectual e vivencial de seu pai.

Nado en Ourense, no ano 1880, e finado en Lugo, en decembro de 1947, Primitivo Rodríguez Sanjurjo foi un destacado intelectual e escritor. Licenciado en Dereito pola universidade de Salamanca, estudou tamén Filosofía en Madrid e alí conviviu con grandes nomes da nosa historia como Otero Pedrayo e Cuevillas cos que, posteriormente, formaría parte do grupo de "inadaptados" ourensáns. A súa formación intelectual enriqueceuse coas lecturas de Rubén Darío, Verlaine, Baudelaire ou Villiers de L'Isle Adam. Con estes novos, participou nas xuntanzas e discusións que mantiña o inquedo grupo ourensán. A partir da fundación de La Centuria, no ano 1917, publicou diversos artigos na revista baixo pseudónimo de Beta Herculis.

En 1920 foi chamado a desempeñar unha cátedra de Literatura Española do Século XIX na Universidade de Cornell (Nova York), onde aparece asinado en 1921 o seu libro Escenas de gigantomaquia (Ourense, 1923), aínda que xa publicara no, ano 1910, o libro de poesía Las mesetas ideales. A súa estadía en Estados Unidos durou ata 1926 e, seis anos despois, en 1932, obtivo a cátedra de Xeografía e Historia no instituto masculino de Lugo.

O material legado a esta institución componse de numerosos libros, revistas, documentos e mesmo unha importante colección de obras de arte. O vindeiro mes de xullo celebrarase, nas instalacións da Academia, un acto simbólico da entrega.