Doazón do pintor Xesús Blas Lourés

O pintor Xesús Blas Lourés quixo doar á Real Academia Galega a súa obra A sega e mais o catálogo da súa última exposición no Museo Provincial de Lugo.
O pintor Blas Lourés xunto ao cadro que doou á Academia
O pintor Blas Lourés xunto ao cadro que doou á Academia


A entrega, que se desenvolveu no salón de actos da Academia, estivo presidida por Xesús Blas Lourés, autor da obra; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da corporación e Darío Xohán Cabana, escritor, académico e amigo persoal do artista. Tamén estiveron presentes os membros que compoñen a Comisión Executiva da Real Academia Galega -Xosé Luís Axeitos Agrelo, Manuel González González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Fransico Fernández Rei-, o académico Bernardino Graña Villar e diversas personalidades da cultura.

Abriu o acto o presidente destacando que a obra de Xesús Blas, "grande artista lugués consagrado á pintura desde os anos 50 do século XX", está "sempre en proceso de creación, de autotransformación e de superación de si mesma". Declarou, tamén, a súa admiración polo autor "desde que o coñecín no ano 63 en Lugo, cando el e outros artistas formaron o grupo Urogallo". Concluíu afirmando que a Academia "incorporará esta peza á súa Colección pendurándoa nun lugar preferente".

Seguidamente, Xesús Blas interveu lembrando os escuros tempos da guerra civil, mais tamén a súa frutífera relación cos poetas Manuel María e Uxío Novoneyra, para rematar: "Dou este paso desinteresadamente por admiración á Real Academia Galega".

Na súa intervención, o escritor Darío Xohán Cabana definiu o traballo de Blas Lourés como unha obra enormemente variada cun trazo común que a converte nunha pintura de carácter nacionalista. "Non é unha obra folclórica, senón que é a representación da alma dun pobo". Para Darío Xohán Cabana, non está, na obra de Blas Lourés, a contemplación saudosa do pasado, senón a representación do pobo, á maneira en que tamén o está no cadro Il Quarto Stato, de Giuseppe Pellizza da Volpedo. Neste sentido, o escritor da Terra Chá incluíu a obra do pintor na liña doutros artistas nacionais galegos como Maside, Seoane, Pousa ou Reimundo Patiño e concluíu: "Xesús Blas Lourés é un artista do pobo porque el é pobo".