Doazón do fondo José Villaverde Velo

O día 29 de xuño de 2011 tivo lugar, no salón de actos da Academia, a doazón do importante legado documental do histórico líder anarcosindicalista José Villaverde Velo, asasinado en 1936.

Dionísio Pereira mostra un exemplar de Solidaridad Obrera


Coa presenza emocionada das súas fillas, Olga e Mari Luz Villaverde Otero, responsables da conservación deste valioso arquivo documental durante os longos anos da ditadura franquista, fíxose acto de entrega do mesmo á Academia. O historiador do movemento obreiro galego, Dionisio Pereira, foi o encargado de ilustrar ao público na figura do destacado dirixente anarquista: José Villaverde Velo naceu en Santiago de Compostela no ano 1894 e foi asasinado en Arteixo o 24 de setembro de 1936. Ebanista de profesión, integrouse moi pronto no movemento obreiro organizado, primeiro na UXT e, máis tarde, na CNT, da que foi elixido Secretario da Confederación Rexional Galaica en 1931, que acadaría un importante medre baixo a súa dirección.

Entre os arquivos legados constan, ademais dunha extensa colección fotográfica, un amplo repertorio do xornal Solidaridad Obrera, do que Villaverde foi director e colaborador asiduo, que constitúe o fondo mais completo deste xornal conservado hoxe en día. O acto foi presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín, que lles agradeceu ás herdeiras do líder sindical a súa xenerosa contribución e salientou a longa tradición de colaboración "subterránea" entre o nacionalismo galego e o anarquismo.