Día Nacional de Galicia en Vigo

A Real Academia Galega participou, representada polo seu presidente, no acto que o Concello de Vigo organizou no Pazo de Castrelos con motivo do Día Nacional de Galicia.

O acto congregou os edís da Corporación viguesa, deputados galegos e estatais, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, o xuíz decano e a presidenta da federación veciñal, entre outras autoridades e representantes de diferentes colectivos sociais e culturais. Tras un breve concerto do grupo Son de Seu, o público asistente puido escoitar os discursos do alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, e do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

O presidente da institución académica lembrou a figura do homenaxeado no presente Día das Letras Galegas, Valentín Paz Andrade, e tendeu a man ao Concello de Vigo solicitando a súa participación no vindeiro 150 aniversario da impresión de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, que tivo lugar na rúa Real da cidade olívica.

O discurso íntegro de Xosé Luís Méndez Ferrín pode descargarse aquí.