Coloquio de 24 gallegos rústicos (1746)

Fragmento da versión facsimilar da obra
Fragmento da edición facsimilar do Coloquio (Monteagudo, 2002)

Tal e como confesa o propio autor no limiar, no momento en que Frei Martín Sarmiento (Vilafranca do Bierzo, 1695-Madrid, 1772) escribiu esta obra, éralle case completamente descoñecida a literatura galega medieval, con excepción feita dalgúns fragmentos das Cantigas de Santa María, de Afonso X, O Sabio, e da afirmación debida ao Marqués de Santillana segundo a cal "no ha mucho tiempo, qualesquier Decidores, ó Trobadores de estas partes, agora fuesen Castellanos, Andaluces, ó de la Estremadura, todas sus obras componian en Lengua Gallega, ó Portuguesa". Sarmiento asumiu, como o primeiro filólogo galego que foi, a necesidade de armar a nosa lingua dunha gramática, unha ortografía e un dicionario, e o Coloquio de 24 gallegos rústicos insírese precisamente neste proxecto, pois foi concibido máis como un catálogo de termos galegos para o Comento que lle segue, formando con él o Glosario en que se trata del origen antiguedad etimologías y esplendor de la Lengua Gallega, que como un simple exercicio literario.

Neste Glosario Sarmiento defendía a dignidade do galego, a súa identidade propia respecto do castelán e do portugués, a necesidade do seu cultivo literario e do seu uso nas escolas e nas igrexas galegas. Criterios todos eles moi avanzados para aquel tempo e que non serían asumidos ata un século despois, coa aparición dos intelectuais galeguistas do Rexurdimento.

O Coloquio que comentamos ten lugar no Chan de Parafita, porta do Morrazo situada á beira de Pontevedra. Naquel alto xuntáranse para xantar, o terceiro sábado de setembro de 1746, día de feira en Pontevedra, vinte catro galegos, os rústicos, entre segadores, labregas, criadas e criados que servían en Madrid, e un poeta, O Tío Marcos da Portela, encargado do proemio. Para entreter o xantar, dous rapaces e dúas rapazas que traballaban servindo en Madrid fan relación, en ton satírico, da recente morte e funeral do rei Felipe V, que acababa de finar o 9 de xullo do mesmo ano, e da coroación do seu sucesor, Fernando VI. A obra está composta por 1.200 coplas que o autor encadra no estilo "De Perico y Marica", é dicir, unha composición de catro versos hexasilábicos con rima asonante nos pares, de estrutura dialóxica e temática de sátira política.

Relegado polo seu propio autor como simple ferramenta para a disquisición etimolóxica, o Coloquio tardou moito tempo en ser apreciado como merece polos seus valores estritamente literarios. Aínda así, nos últimos anos vénse producindo unha vindicación da súa calidade artística por críticos como Mariño Paz, Armando Requeixo, Méndez Ferrín e Angueira Viturro. Este último autor ten afirmado o seguinte respecto do Coloquio: "Para nós, no medio dunha verdadeira noite que reinaba no ceo de Galicia, como diría Murguía, Sarmiento estaba construíndo, e con clara conciencia, literatura, literatura na lingua que estudaba e amaba e quería dignificar". (Angueira, 2012). E engade no mesmo artigo, "O Coloquio, pois, desde este punto de vista, sería unha longa, prolongada, dilatadísima muiñeira".

A negativa do frade pontevedrés a publicar os seus textos en vida –moi probablemente por precaución ante o exemplo do que lle acontecera ao seu mestre e amigo, o tamén galego Padre Feijoo- podería servir para explicar o relativo descoñecemento desta obra na nosa tradición literaria. Aínda así, que o Coloquio era xa coñecido e estudado polos intelectuais galeguistas do XIX próbao o feito de que Lamas Carvajal lle puxese por nome ao primeiro xornal publicado en galego precisamente O Tío Marcos da Portela, ou a homenaxe explícita que lle rende Pintos a Sarmiento na súa obra A Gaita Gallega. Este mesmo autor sería tamén o primeiro en se preocupar por dar ao prelo as coplas de Sarmiento, en 1859, que ata ese momento circulaban manuscritas. Unha segunda edición do Coloquio tería lugar en 1899, por A. López Peláez. A terceira, de mans de J.L. Pensado, non chegaría ata 1970, so o título Colección de voces y frases gallegas. A cuarta edición débeselle a X. L. Axeitos, As coplas galegas do P. Sarmiento. A quinta, co título de Coloquio en mil duascentas coplas galegas, foi editada por Ramón Mariño e é de 1995. Unha sexta foi publicada por Galaxia en 2002 con edición de Carballo Soliño, mentres que unha edición facsimilar do texto orixinal manuscrito foi publicada polo Consello da Cultura Galega en 2003 a cargo do membro de número da Academia, Henrique Monteagudo.

No Boletín do ano 2002, podense consultar unha serie de artigos sobre o Coloquio, como o de Méndez Ferrín aquí e o de Antón Santamarina aquí.

A edición facsimilar titulada Coloquio en mil duascentas coplas galegas publicada polo Consello da Cultura no 2002 con edición de Henrique Monteagudo, pódese descargar aquí.