Claudio Rodríguez Fer responde o Cuestionario Díaz Castro.

Poeta, narrador, autor teatral e ensaísta lucense, Claudio Rodríguez Fer é autor dunha trintena de obras de creación e doutras tantas de investigación literaria que mereceron, entre outros, o "Premio de la Crítica Española" por Tigres de ternura.
Díaz Castro e Rodríguez Fer
Claudio Rodríguez Fer onda Xosé María Díaz Castro.


Que características definen, ao seu parecer, a poesía de Díaz Castro?
O humanismo temático e o clasicismo formal con fondura auténtica e voz orixinal, tendo como principais referentes Galicia, a cristiandade e a humanidade. Da súa produción eu sintonicei sobre todo coa súa evocación do devir histórico de Galicia ("Penélope") e das raíces pagás asociadas aos celtas ("O berro das pedras"), así como, en xeral, coa súa poetización da natureza e do esencial do ser humano en Nimbos.

Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
A súa obra, aínda que respectada por case todos pola súa calidade, non propiciou na poesía galega a aparición de ningunha moda cando se publicou nin chegou a un público masivo despois. Mais foi lida con interese por moitos poetas, algúns dos cales recolleron dela diferentes pegadas paisaxísticas, etnográficas, sociais, existenciais, relixiosas... Eu, por exemplo, escribín de mozo o poema "Ulises" en homenaxe á súa excelente composición "Penélope", malia que cambiando a súa visión pesimista e resignada dunha Galicia pasiva en eterna espera de redención pola alborada dunha nova Galicia optimista e insubmisa en movemento de loita e avance:

ULISES

Homenaxe a Xosé María Díaz Castro

Un paso adiante e outro máis, Galicia,
e a tea dos teus soños xa se move.
A esperanza nos teus ollos faise circia.
Ara o tractor e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
estrolla o despertar como unha uva.
Xa non te envolves en sabas de mil anos,
nin en soños escoitas nunca a chuva.

Trouxeron xa os camiños cada día
a xente que levaron. Somos os mesmos.
Suco vai, suco vén, do río á ría
non volveremos xa pagar máis desmos.

Desorballando os prados coma sono,
cruzaremos o espello con Alicia.
Enterraremos suco a suco o Outono.
Un paso adiante e outro máis, Galicia!

Rodríguez Fer xunto a Díaz Castro.
Rodríguez Fer xunto a Díaz Castro.


Ao seu xuízo, que vixencia conserva actualmente a súa obra?
A vixencia da verdadeira poesía, pois a verdade, aínda que sexa subxectiva, e a beleza, aínda que o sexa con respecto a un determinado canon, cando son auténticas, non caducan nunca. Eu alégrome de que así sexa polo bo poeta pero tamén pola boa persoa que foi Xosé María Díaz Castro, por quen sentín gran afecto, dado que tiven a sorte de que me honrara, como a moitas outras persoas de moi diferentes idades, coa súa xenerosa amizade.