Censura de 'Paco Pixiñas'

Portada e primeira páxina do díptico publicitario de Paco Piixiñas
Imaxe do díptico publicitario que anunciaba a posta en escena de Paco Pixiñas e a nave espacial


Na década de 1960 agromaron en Galicia numerosas asociacións culturais que despregaron un intenso activismo co fin de rescatar a cultura galega do asoballamento ao que a tiña sometida a ditadura franquista. Dentro do conxunto de actividades despregadas por estas asociacións destacou a levada a cabo no campo do teatro, se ben tamén foi unha das máis castigadas e reprimidas polas autoridades.

A capacidade que teñen os espectáculos teatrais para achegarse ao público fai deles un medio ideal para crear novas sinerxías na sociedade. Pero se isto fai do teatro un obxectivo estratéxico para todos aqueles que aspiran a espallar as súas arelas de liberdade e a mobilizar a xente ao redor delas, tamén atrae as prevencións dos ditadores. De feito, o réxime franquista creou toda unha infraestrutura administrativa exclusivamente destinada á censura e ao control dos espectáculos teatrais. Desde 1942 a censura teatral dependía do Departamento de Teatro da Sección de Cinematografía e Teatro por medio do negociado de Censura Teatral. Cando en 1951 se creou o Ministerio de Información e Turismo, o control dos espectáculos teatrais pasou a ser unha das súas competencias. Para cumprir con este labor, o Ministerio formou en 1963 a Xunta de Censura de Obras Teatrais, que funcionaría ata o fin da ditadura.

O Facho da Coruña foi unha asociación cultural que sobresaíu na formación e na difusión do teatro galego durante as décadas finais do franquismo. Así, En 1964 fundou, coa axuda de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, entre outros, o Grupo de Teatro O Facho, que foi un dos primeiros grupos en estrear obras enteiramente en galego e de autores do momento.

Dentro do arquivo da Agrupación Cultural O Facho, hoxe gardado na Real Academia Galega, consérvanse os testemuños documentais da tramitación dos permisos da censura teatral para a representación de numerosas obras, permisos que non sempre se obtiñan doadamente. Un exemplo disto último constitúeo o caso da estrea da obra Paco Pixiñas e a nave espacial.

Esta peza era o resultado da adaptación ao teatro dun romance de cego asinado por Arístides Silveira, pseudónimo de Celso Emilio, Paco Pixiñas: historia dun desleigado contada por il mesmo, que publicara nun folleto Edicións O Castro en 1970, con debuxos de Isaac Díaz Pardo e música de Isidro B. Maiztegui. A adaptación foi realizada por Xosé Manuel Rabón e Ramiro Cartelle, os dous vinculados ao grupo teatral do Facho.

A obra conta a historia de Paco Pixiñas, un labrego que na súa mocidade, ao escoitar a un ferrancheiro predicar a unidade do pobo e a loita a prol dun "mundo novo e ceibo", sente por primeira vez o degoxo de berrar a súa protesta pola miseria na que el e mais os seus parecían condenados a vivir; mais o conformismo e o pesimismo que o rodeaban amolecen ese mínimo xermolo de rebeldía. Finalmente, Pixiñas acaba emigrando a Venezuela, onde se enriquece e morre como un desleigado insolidario, e ata esquecendo o seu propio idioma, o galego.

Nun principio, O Facho pretendía presentar a obra en maio de 1975 na Mostra de Teatro Galego que organizaba a Agrupación Cultural Abrente en Ribadavia desde 1973. No entanto, a censura do ministerio negoulle a súa autorización, invocando como xustificación a norma 17, apartado 2º da Orde do Ministerio de Información e Turismo do 9 de febreiro de 1963 pola que se aprobaban as normas da censura cinematográfica, que tamén se aplicaban ao teatro, cuxo texto é o que segue:

Prohibirase canto atente dalgunha maneira contra:
[...]
2ª Os principios fundamentais do Estado, a dignidade nacional e a seguridade interior ou exterior do país.

En abril dese mesmo ano, a asociación coruñesa presentou un recurso, que se pode descargar aquí, contra a censura da obra ante a propia Xunta de Ordenación de Obras Teatrais (nome eufemístico adoptado precisamente en 1975 pola Xunta de Censura de Obras Teatrais). O recurso foi aceptado, se ben entre os papeis do Facho non se conserva a nova resolución da censura. Fose como fose, Paco Pixiñas e a nave espacial estreouse o 15 de maio de 1977 na V Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón. A nova da estrea, publicada en La Voz de Galicia, pódese descargar aquí. Nos meses seguintes, o grupo teatral do Facho levou a obra a Mugardos, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Sargadelos, Cee, Ferrol, Cecebre, Sada, Caldas, Redondela, Ribadeo e Mera, lugares onde quedou confirmado o éxito acadado en Ribadavia.

O réxime franquista, aínda estando a morrer, teimaba en impedir aos galegos berrar reclamando os seus dereitos, mais día a día as súas forzas ían minguando e esmorecendo.