Celso Emilio nas voces galegas de hoxe

En conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, Radio Lugo - Cadena Ser impulsou a recompilación e difusión da súa poesía nas voces de 1.000 persoas de todos os ámbitos sociais.

O 20 de setembro ás 11:30 horas terá lugar, no Salón de Actos da Excelentísima Deputación Provincial de Lugo, a sinatura protocolaria do compromiso de entrega dos arquivos sonoros do programa O Son da Nosa Fala. 1000 Voces para Celso Emilio Ferreiro de Radio Lugo - Cadena Ser á Real Academia Galega.

O acto contará coa presenza de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Luis Ferreiro, fillo de Celso Emilio Ferreiro; Xosé Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo; Julio Beberide Martínez, presidente do Consello de Administración do Grupo Radio Lugo; cun representante de Novagalicia Banco e cos xornalistas promotores do proxecto, Paco Nieto e Tania Lombao.

Os poemas e lembranzas están sendo emitidos desde o mes de marzo nas emisoras da Cadena Ser na provincia de Lugo. Aquí pode escoitarse o poema "Tempo de chorar" na voz da actriz e cantante Alba Messa.