Castelao ilustrador

Mañá, 30 de xaneiro, Día da Ilustración é tamén o aniversario do nacemento do máis célebre dos ilustradores galegos: Castelao.
Autocaricatura de Castelao
Autocaricatura publicada en Vida Gallega (1909)


Segundo a súa propia confesión, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950) empezou a facer caricaturas: "Na miña primeira mocedade dina da Casa da Troya, cand´a miña i-alma sofría de xarampón e non pensaba mais que´en sair de tuno tocand´a guitarra polas rúas fixen os primeiros debuxos humorísticos nunha revista pr´americanos". (Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura. A Coruña: RAG, 1961).

Así, logo de gañar a medalla de ouro na Exposición de Arte Galega celebrada en Santiago de Compostela en 1909, Castelao debuxa, ese mesmo ano, a ilustración da portada do primeiro número de Vida Gallega que se pode ver máis abaixo, e no que se aprecian xa os trazos característico do seu estilo centrado no tratamento de temas tirados dunha idealizada iconografía enxebre e costumista da que máis tarde renegará.

Ilustración de Castelao para Vida Gallega
Ilustración de Castelao para o primeiro número de Vida Gallega(1909)


Logo de entrar en contacto co galeguismo organizado arredor das Irmandades da Fala desde a súa fundación en 1916, as ilustracións de Castelao pasan a converterse, de feito, na imaxe gráfica deste movemento, aparecendo acotío na cabeceira dos seus medios máis importantes como Nós, A Nosa Terra ou o xornal Galicia, de Paz Andrade. Nesta segunda xeira apréciase un maior compromiso e participación de Castelao nos debates sociais e políticos do seu tempo, dando ao prelo ilustracións e viñetas que constitúen verdadeiros manifestos reducidos.

Viñeta de Castelao en A Nosa Terra
Viñeta de Castelao en A Nosa Terra

 

Viñeta de Castelao en Galicia
Viñeta de Castelao en Galicia(1923)


A experiencia da Guerra Civil veu a tronzar de xeito dramático o desenvolvemento normal da vida cultural e artística galega. Desapareceron xornais e imprentas de signo galeguista, son asasinados editores como Ánxel Casal, da histórica Editorial Nós, ou mesmo ilustradores como Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo. Castelao, a salvo da desfeita no bando republicano, tornou un verdadeiro activista da causa republicana, denunciando a barbarie franquista en álbums emblemáticos como Atila en Galicia.

Ilustración de Castelao en Atila en Galicia
Ilustración de Atila en Galicia(1937)


Alén da súa actividade como debuxante e ilustrador, Castelao estivo interesado na arte do deseño gráfico e mesmo da tipografía, ideando anteportadas como a que vemos máis abaixo do libro Na noite estrelecida de Cabanillas ou a da propia Revista Nós, nas que se pode detectar o seu esforzo por actualizar e revivir a arte románica galega, incluídas as súas letras.

Anteportada de Na noite estrelecida
Anteportada de Na noite estrelecida (1926)


En definitiva, e para resumir en palabras doutro ilustrador senlleiro das nosas letras como foi Luís Seoane a concepción do grafismo do rianxeiro: "Castelao sabía que o libro é unha arquitectura." (Grial nº65, 1979)

Portada da Revista Nós
Portada da Revista Nós (1922)