Case 400 microrrelatos optan aos premios do concurso da RAG e PuntoGal

O concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e Puntogal recibiu preto de 400 textos. As entidades organizadoras amosan a súa satisfacción pola alta participación na convocatoria, que fixo necesario ampliar o prazo para a resolución do xurado. Os nomes das persoas gañadoras faranse públicos na primeira semana de abril.

En total, participan no concurso 378 microrrelatos de ata 200 palabras. Os textos serán valorados por dous membros da RAG, dous membros de PuntoGal e un membro do comité de redacción da revista Luzes, que colabora nesta iniciativa.

O primeiro premio consistirá nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro (poderá haber ata tres), nun lote de libros, un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal, agasallos estes últimos que tamén recibirán os dous mellores relatos. Os dous primeiros premios inclúen tamén unha subscrición dixital á revista Luzes e unha colección de números en papel.