"Casares deixou na cultura galega unha pegada liberal no sentido máis nobre da palabra"

O primeiro legado de Carlos Casares é, sen dúbida, o literario. "É un dos grandes escritores galegos do século XX", salienta Damián Villalaín, quen foi a súa man dereita na editorial Galaxia e amigo persoal, que destaca tamén o seu estilo como intelectual público, baseado nun auténtico respecto da pluralidade. Cóntao nesta nova entrega do "Cuestionario Carlos Casares"; e tamén, dun xeito sinxelo e ameno, en Carlos Casares. Vida e literatura (Xerais, 2017), a biografía que acaba de publicar para achegar o público infantil e xuvenil aos distintos perfís do protagonista do Día das Letras Galegas de 2017.
Damián Villalaín

"Era un home extraordinariamente intelixente, xeneroso e bo amigo. Moi culto, moi divertido e moi bo conversador", di Damián Villalaín de Carlos Casares. Coñecéranse a mediados dos anos oitenta nun bar compostelán, pero foi tempo despois cando empezaron a ter un trato máis cotiá compartindo faladoiro nun café vigués. A relación fíxose estreita a partir de 1991, cando Casares o fichou como subdirector da editorial Galaxia. Escritor, crítico teatral, editor e xornalista, é membro da Fundación Carlos Casares. Na actualidade exerce como profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
O primeiro legado, sen dúbida, é o literario. Casares é un dos grandes escritores galegos do século XX e tamén un dos máis espontaneamente lidos, sen necesidade da mediación das prescricións escolares. Diríxese aos lectores a través de fábulas que van sempre máis alá das tramas narrativas e que abren a posibilidade dunha reflexión sobre os asuntos que a Casares lle interesaban máis, desde a violencia e o mal ata o amor e a coraxe. Escribe sobre temas complexos e consegue unha cousa moi difícil: facer unha literatura accesible a lectores de condicións moi diversas sen escamotear a complexidade.


Damián Villalaín, á dereita, con Carlos Casares


Tamén é importante o modelo de intelectual que propón, non tanto nun plano teórico como a partir dunha práctica caracterizada pola independencia de criterio, a distinción entre a esfera política e a esfera artística, a defensa da razón, da argumentación, da tolerancia e da virtude clásica da prudencia. É posible que neste aspecto se volvese un pouco extemporáneo, pois nada diso parece ter actualmente gran valor. Pero xa se sabe que as cousas veñen e van.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Ademais dos seus libros, creo que Casares lle achega á cultura galega a proposta dun estilo. Un estilo de escritor, de intelectual, de home público que non pretende ser nin un redentor nin un profesional do postureo. É unha proposta que quedou aí, da que non se pode dicir que tivese excesivo éxito.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Unha pegada liberal, no sentido máis nobre desa palabra, hoxe tan falseada, deturpada case ata a ruína. Coa súa obra, pero aínda máis coa súa forma de exercer ese papel de intelectual público que a vida lle foi outorgando, Casares foi un defensor da liberdade e dunha convivencia baseada non nun resentido e turbio soportármonos os uns aos outros, senón nunha interiorización real da pluralidade de valores, ideas e crenzas que caracterizan as sociedades occidentais mellor logradas. Non era home de grandes principios, pero si tiña unhas poucas conviccións firmes que non intentaba impoñerlle a ninguén. Era moi racional e, ao tempo, moi apaixonado. A política acendíao, pero non era nada sectario e tiña, de feito, amigos mesmo entre as opcións políticas que peor opinión lle merecían, tanto pola dereita coma pola esquerda.

Que vixencia conserva a súa creación?
Estou relendo agora toda a súa obra e paréceme que o tempo segue a tratalo ben. Creo que dentro de vinte anos seguirán a lerse Vento ferido, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul, Ilustrísima, Os escuros soños de Clío, O sol do verán

Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Coñecino no bar Tamboura, un clásico da noite compostelá dos anos 80. Debeu de ser no ano 1985, pois aínda era deputado no Parlamento de Galicia. Pero empezamos a ter unha relación máis habitual a partir de 1987 ou 1988. Compartiamos un faladoiro semanal "Era un home cunha capacidade pouco común para analizar as situacións a través das motivacións de fondo da xente que as protagonizaba. Pero como era un gran novelista, non era xuíz severo" nun café vigués xa desaparecido, Las Tres Luces, polo que tamén ían Carlos Fernández, Luís González Tosar, Xan Bouzada, Antón Louro… En 1991 ofreceume traballar con el en Galaxia, como adxunto á dirección xeral, e desde ese momento a nosa relación estreitouse e pasou a ser practicamente diaria. Era un home extraordinariamente intelixente, xeneroso e bo amigo. Moi culto, moi divertido, moi bo conversador e cunha capacidade pouco común para analizar as situacións a través das motivacións de fondo da xente que as protagonizaba. Pero como era un gran novelista, non era un xuíz severo. Mesmo intentaba non ser xuíz, aínda que ás veces a paixón política podía con el. Pero o habitual era que lle abondase con comprender.

Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares? Por que?
Sempre que me preguntan isto, digo unha obra distinta, porque son moitas as que me gustan. Hoxe vou dicir Un país de palabras, un libro que publicou en 1998 e que compendia unha serie de ensaios narrativos, como el lles chamaba, sobre algúns dos escritores que máis lle gustaban, sobre amigos e mesmo sobre personaxes como Deus, que foi moi importante na súa vida, tanto cando cría nel coma cando deixou de facelo. Nese libro hai un gran Casares.