Carta do Chantre a Rosalía de Castro

Imaxe do Chantre
Camilo Álvarez de Castro


Entre a correspondencia de Manuel Murguía consérvase unha carta de Camilo Álvarez de Castro a Rosalía, escrita en galego, con parabéns pola publicación de Cantares gallegos.

A aparición de Cantares gallegos en 1863 é un dos grandes fitos da nosa cultura. En primeiro lugar, foi a primeira obra impresa publicada integramente en galego, sinalando o inicio do Rexurdimento literario de Galicia. O seu carácter fundacional acredítao, ademais, a influencia que exerceu sobre a literatura galega posterior e que continúa aínda hoxe a facerse notar. Hai que lembrar, tamén, que moitos dos poemas desta obra de Rosalía axiña se divulgaron entre o pobo pasando a formar parte da tradición popular, especialmente grazas á música con que diversos autores quixeron acompañar os seus versos.

Ao seu valor literario hai que engadir a importancia que esta publicación tivo no desenvolvemento do Rexurdimento e na dignificación da nosa lingua. A mesma Rosalía no seu prólogo afirmaba que a afoutaba a escribir os seus poemas o desexo de "cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso, que queren facer barbaro, os que non saben que aventaxa âs demais linguas en doçura e armonia" e de demostrar "com'ó noso dialecto doce e sonoro, é tan aproposito com'ó pirmeiro, para toda clase de versificación". Deste xeito a autora establece como un dos fins do seu libro a defensa e reivindicación da lingua galega, tan capaz como calquera outra para o cultivo literario, fronte á visión negativa e o desprezo amosados por xente allea a Galicia e ata polos propios galegos.

Porén, a pesar da importancia que Cantares tivo na nosa historia, nos primeiros momentos despois da aparición do libro non foron moitos os que se decataron do seu valor. Efectivamente, a recepción da obra por parte dos seus coetáneos foi bastante pobre. Tan só apareceron dúas recensións na prensa galega da época xunto a outra publicada nun medio madrileño.

Aínda que non se conserva a correspondencia de Rosalía de Castro (só sobreviviron unhas poucas cartas, dispersas hoxe en varios arquivos galegos), si temos a maior parte das cartas recibidas por Manuel Murguía, atesouradas pola Real Academia Galega. Neste epistolario tamén queda ao descuberto a fría acollida da obra, mesmo entre os amigos da parella. Víctor López Seoane, por exemplo, limitouse a queixarse do elevado prezo do libro: 16 reais (cos que daquela se podía mercar un quilo de carne, outro de garavanzos, outro de pan e un litro de viño). Tan só escapou a esta atonía Camilo Álvarez de Castro, chantre da catedral de Salamanca, quen enviou unha carta o 12 de novembro de 1864 que non só estaba chea de cariño e gabanzas á poeta galega, senón que ademais tiña o inapreciable valor de estar escrita en galego.

Camilo Álvarez de Castro naceu en Vilanova dos Infantes (Ourense) o 24 de decembro de 1806 e estudou no Seminario de Ourense e nas universidades de Santiago e Salamanca. En 1830 estableceuse nesta última cidade, onde foi capelán real de San Marcos, profesor do seminario e tamén da universidade, e onde chegou a ser cóengo da súa catedral. Intelectual de fonda formación, foi, ademais, poeta, mesmo en galego, se ben non se conserva ningún dos seus versos nesta lingua. Despois de toda unha vida de estudo silandeiro, morreu na cidade do Tormes o 8 de febreiro de 1887.

Parente da escritora, da súa relación con Rosalía e Murguía quédannos máis dunha ducia de cartas dirixidas ao historiador, datadas entre 1863 e 1866, que Camilo Álvarez adoitaba asinar cun sucinto "El Chantre". Nelas, ademais de dar boa mostra do cariño que lle tiña á parella, déixanos o testemuño da axuda que lle prestou a Murguía na pescuda de datos para o seu dicionario de escritores galegos e ata na procura de subscricións para a obra. De feito el mesmo aparece no dicionario, nunha entrada redactada en termos ben eloxiosos, e na que o autor lle agradece a súa axuda:

Nosotros mismos le somos deudores de más de una noticia, respecto a escritores del país, pues por solo su amor a Galicia, se ha apresurado a comunicarnos cuanto halló digno de ocupar un puesto en estas páginas y no esquiva el trabajo y molestia de averiguar en aquella ciudad, espléndido palenque en que brillaron en la cátedra tantos y tan celebrados ingenios gallegos, las escasas noticias que de ellos se conservan.

Pola súa parte, Rosalía dedicoulle o poema "Rosiña cal sol dourado", o número 16 de Cantares gallegos que se pode consultar aquí. Camilo Álvarez na súa carta, ademais de agradecerlle a dedicatoria, ten palabras de verdadeira admiración pola súa obra:

¡Que Cantares, Rosalía! Olla tu; doulle voltas é revoltas como llas dan á fariña na peneira, é non m'estrevo á tocalos, que son caraveles é murcharianse é perderían ó cheirór s'eu os tocase. Cos teus "Cantares" eres pra min unha meiga […] é non fartes nin cales namentras non berren todos "Seica é verdai ó que di esta meiga dos tesouros de Galicia"!

Pero como dixemos, o maior valor desta carta está en que foi escrita en galego, mesmo é unha das primeiras cartas do século XIX nesta lingua (para ler outra correspondencia en galego anterior temos que afastarnos ata o conde de Gondomar de finais do XVII). Demostra, pois, o exemplo do Chantre que o libro de poemas de Rosalía, xunto á súa beleza, puido lograr que os galegos desexasen recuperar a súa lingua e defendela do silencio, que é a morte das linguas. E esta é outra das grandes gabanzas que se lle poden facer a esta obra, fito inaugural da nosa cultura. Ou como deixou dito o Chantre:

Cheguei á veira do Tormes, e non se m'esqueceu ó Miño –eso si- nin se m'esqueceu falar com'ouvín falar os meus pais, é os meus abós, contandome contos na cociña, vindo saltar as moxenas, é cocer á vica na lareira, é voar á faisca como folerpas á luz do candil na gramalleira. […] Por eso lin os teus Cantares como come pan un famento, como bican as volvoretas as froles…

A carta do Chantre pódese ler aquí. Foi exhumada e publicada por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (Grial, n. 143, xul.-set. 1999: 455-474) e, posteriormente, tanto esta como o resto das cartas que Álvarez de Castro lle enviou a Murguía foron editadas por Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xosé Luís Axeitos (Cartas a Murguía, tomo I, A Coruña, Fundación Barrié, 2003).