Carta de Candeira Hermanos a Sanjurjo Badía (8-IX-1906)

Carta de Candeira Hermanos a Sanjurjo Badía
Imaxe da carta


A familia Candeira procedía de Ponteareas, onde se dedicaba ao negocio da madeira, o que lle permitiu acadar un nivel económico suficientemente sólido como para poder enviar o seu fillo Constante a Madrid a estudar medicina. Porén, Constante non chegou a exercer como médico, senón que preferiu continuar cos negocios familiares.

Así, en 1882 fundou co seu irmán Matías o serradoiro Candeira Hermanos na ribeira do Miño, concretamente na parroquia de Camposancos, concello da Guarda. Este foi o primeiro serradoiro a vapor de Galicia. Precisamente na carta que reproducimos, os Candeira encárganlle ao dono da fundición viguesa La Industriosa, Sanjurjo Badía, unhas pezas para unha das súas máquinas a vapor.

Constante, home emprendedor e de ideoloxía republicana, preocupouse de darlles unha boa educación aos seus fillos. De feito, un deles, Constantino Pérez, que foi arquitecto municipal en Santiago de Compostela, ingresou no Seminario de Estudos Galegos en 1926, e, ao ano seguinte, o escritor rianxeiro Rafael Dieste dedicoulle a súa obra A fiestra valdeira.

Con todo, os Candeira non chegaron a formar parte da nosa historia só pola importancia do seu labor industrial ou polos méritos intelectuais da familia. O caso é que Constante Candeira tamén chegou a ser armador de vapores e veleiros. Construíu tres en Camposancos. Un deles, un veleiro de 500 toneladas, botado ao mar en 1915, recibiu o nome do segundo fillo de Constante, "Constantino Candeira". Neste barco, en 1922, fixo as súas prácticas de pilotaxe un rapaz de Rianxo, alumno da Escola de Náutica de Vigo. O rapaz, chamado Manuel Antonio, xa daquela estaba enfermo de tuberculose e poucos anos despois, en 1930, faleceu por culpa desta terrible enfermidade na súa casa da parroquia rianxeira de Asados. Non obstante, antes de morrer deu ao prelo un libro de poemas titulado De catro a catro, que pasou á historia da nosa literatura, tanto pola súa calidade literaria como por ser unha das máis importantes achegas galegas á literatura de vangarda europea. Esta obra, ademais de estar dedicada ao capitán do "Constantino Candeira", o ribeirense Augusto Lustres Rivas, elevou o navío á categoría de motivo literario. En efecto, Manuel Antonio, nos seus versos, soubo recoller a forza poética da figura do veleiro no mar.

No poema titulado "Balada do pailebote branco" o poeta di:

[...]
E tamén contou o barco
a hestoria do piloto
a do gabieiro e a do rapaz
[...]
Agora eu busco un vello mariñeiro
ou unha hestoria do pailebote branco
ou calquer outra cousa...
¿que sei eu!
[...]

Mais o "Constantino Candeira" non sobreviviu moito ao seu poeta. Despois de mudar de donos e de nome -foi rebautizado como "Peregrin Fos"- afundiuse en Melilla durante o famoso temporal de 1949.