Carlos Núñez analiza o 23 de outubro na RAG o éxito da "marca celta"

O músico Carlos Núñez analizará o éxito da "marca celta" na conferencia que ofrecerá o vindeiro 23 de outubro na Real Academia Galega. O popular gaiteiro, embaixador internacional da música galega, profundará na historia e no presente das composicións que se coñecen baixo esta etiqueta, unha das formas de exportar músicas tradicionais europeas de máis éxito, pero apenas estudada, apunta. O artista será presentado polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes. O encontro, de entrada libre ata completar capacidade, empezará ás 19:00 horas.

O seu hábitat natural son os escenarios, pero o pasado mes de outubro Carlos Núñez gañouse tamén o público académico do XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, celebrado en Madrid coa conferencia titulada O éxito da "marca celta" para a cultura galega e a súa profundidade, á que lle puxo o ramo interpretando algunhas das Cantigas de Santa María con reconstrucións de instrumentos medievais. O músico ofrecerá de novo o relatorio para o público xeral na sede da Real Academia Galega o vindeiro mércores. No encontro, incidirá en parte das pesquisas que plasma no seu primeiro libro, La hermandad de los celtas (Espasa, 2018), onde analiza a música celta desde múltiples enfoques e aborda a súa relación con outras músicas e estilos.

O encontro será unha ocasión para reflexionar sobre a riqueza da música galega de base tradicional, un herdo único que "non merece estar encaixado nun gueto", salienta Carlos Núñez, que reclama máis espazo para ela nas radios e televisións públicas españolas.

O artista vigués conseguiu vender máis dun millón de discos tocando a gaita, instrumento que levou por primeira vez a tres grandes templos da música: o Musikverein de Viena, o Royal Albert Hall de Londres e o Carnagie Hall de Nova York.