Basilio Losada, académico de honra

A Academia recoñece deste xeito o incansable labor na defensa e difusión da nosa cultura do profesor e escritor lugués establecido en Barcelona.
Basilio Losada.
Baslio Losada


Basilio Losada Castro (Láncara, 1930) é unha das figuras senlleiras da literatura e a cultura galega do noso tempo, personalidade plural que se manifesta en moi diversas facetas: a investigación, a tradución, a divulgación, o ensaio, a crítica literaria, a docencia universitaria, a animación cultural e mesmo a creación.

Emigrante en Cataluña dende moi novo, representa a vontade e o esforzo de facerse a si mesmo, intelectual e academicamente. Logo de diversos oficios, vencellados dende moi cedo ao mundo editorial, axiña pasou a exercer o ensino universitario, onde se converteu sobre todo nos anos 60 e 70 en referencia obrigada da cultura galega en Cataluña.

A súa obra ten dúas dimensións básicas: a literaria, como estudoso, antoloxista, tradutor e difusor da literatura galega e da literatura portuguesa e brasileira; e a de profesor, activista, animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, con especial atención á comunidade galega.

Na primeira dimensión salientan os seus traballos de Antoloxía e Escolma de poesía galega (1971, 1972, 1990) publicados en edicións bilingües en editoras de fóra de Galicia, traballos que no seu momento e aínda agora constitúen valiosas referencias da nosa actividade poética e serviron de eficaces plataformas de difusión exterior para a nosa literatura. Na mesma liña debemos considerar as súas traducións, de clásicos e contemporáneos, polas que recibiu importantes recoñecementos, entre outros o Premio Nacional de Tradución en 1991, por Memorial do convento de Jose Saramago.

Como tradutor á inversa, neste caso do catalán para o galego, salientan Un poema en dez anacos de Jordi Doménech (1974) e Llibre d'Amiga de Ramón Dach (1998).

Outrosí, nesta mesma liña, cómpre salientar traballos de investigación e ensaios de carácter literario, ademais dun importante labor de difusión a través dos medios de comunicación de masas (prensa e radio) e libros colectivos.

Mais a segunda dimensión non é menos importante. Durante os anos 60, 70 e 80 Basilio Losada actuou en moitos aspectos como auténtico embaixador da cultura galega en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica, na medida en que as empresas editoriais que asesoraba ou nas que publicaba os seus traballos tiñan e teñen ampla difusión internacional.

Dende a cátedra na Universidade Central de Barcelona a súa actividade a prol das nosas letras foi incansable e mereceu a consideración tanto dos seus alumnos como das autoridades dos ámbitos catalán e lusófono. A Generalitat de Cataluña honrouno coa Creu de Sant Jordi, unha das máximas distincións daquel país, e tamén recibiu a Orde do Cruceiro do Sul en Brasil e a Comenda da Orde do Infante don Henrique do goberno portugués. En Galicia, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e, máis recentemente en 2012, o Premio Otero Pedrayo, que promoven as Deputacións provinciais.