Tribuna

As grafías tradicionais do topónimo 'Sanxenxo'

Por razóns de actualidade, recuperamos esta tribuna que a académica correspondente Luz Méndez, membro do Seminario de Onomástica da RAG e directora da Asociación Galega de Onomástica, publicou neste espazo o 19 de xuño de 2018

O nome da vila de Sanxenxo provén de SANCTUM GENESIUM, o acusativo do nome do santo a quen está dedicada a parroquia de Padriñán, á cal pertencen. Corresponde a Sanctus Genesius de Arlés, un santo francés, morto a principios do século IV e que tivo un culto temperán en Hispania.

Sanxenxo é topónimo único no noso Nomenclátor, pois o nome deste santo é moito máis frecuente en Galicia a partir da forma do xenitivo, GENESII, que deixou os resultados Xens, na parte máis occidental do noso territorio e Xes na oriental. Así, temos dúas parroquias, Entrecruces en Carballo e Bamio en Vilagarcía, que teñen como patrón a San Xens e, pola súa parte, San Xes é tamén titular da freguesía de Foramontaos, na Merca, e Ferreirós, en Vila de Cruces, ademais das que o levan no seu nome, os haxiotopónimos San Xes de Vilariño, en Lobeira, San Xes, en Paderne de Allariz, e San Xes da Peroxa, no concello homónimo; estas dúas últimas, teñen ademais cadanseu lugar co nome de San Xes.

A parroquia de Padriñán está xa atestada a principios do século XII, nun documento da raíña dona Urraca asinado en Poio no ano 1116 (CODOLGA): "uillam scilicet Padrignam cum ecclesia Sancti Genesi" (vila coñecida como Padriñán coa igrexa de Sanxenxo) e o nome do santo debeu vacilar entre as formas procedentes do xenitivo ("Sancti Genes de Padrinan" e "figleia de San G?es de Padriñán"; imaxes 1 e 2) e do acusativo ("feligresia de Sanjenjo de Padrjnan"; imaxe 3) durante a Idade Media, ata que se asentou coa forma rematada en -o, como xa se documenta a finais do século XV. Probablemente esta vacilación se deu non só nesta parroquia, pois tamén documentamos como "fligrisía de Sam G?go de Vámeo" (hoxe San Xens) a de Vilagarcía (TMILG).

Faga clic sobre a imaxe para ampliala

A perda da oposición entre os fonemas palatais xordo (representado pola grafía <x> ) e sonoro (representado por <g> e <j>) a favor do primeiro, que se deu no galego (e tamén no castelán, fronte ó portugués) xa na Idade Media, fai que neses séculos, como vimos, e tamén nos posteriores en que temos moitos máis testemuños do topónimo, o encontremos con múltiples grafías: Sangenjo, Sanjenjo, Sanxenxo, Sanjenxo.

Faga clic sobre a imaxe para ampliala

En todos estes últimos exemplos de textos galegos escritos en castelán en Galicia, datados entre principios do séc. XVI e principios do XVII (tomados de PARES, AHUS e ACS), temos a certeza de que a súa pronuncia tanto en galego coma en castelán era similar á actual galega de Sanxenxo, pois non é ata o século XVII cando empeza a consolidarse en castelán a realización velar actual do sonido que representaban as grafías <g>, <j> e <x>, isto é, que caxa se converte en caja.

Sarmiento, no século XVIII, fai notar esa diferenza de pronuncia usando precisamente, entre outras palabras, este topónimo como exemplo:

Bien es verdad que los gallegos se podrán reír también de los castellanos porque no aciertan con la pronunciación gallega, la misma que es común a italianos, franceses, catalanes, asturianos y portugueses; en especial en las letras Ge, Gi, Jota y X. A un castellano, que chasqueaba a un gallego porque no pronunciaba Geronymo a lo moruno, sino Gueronymo a la griega y a la latina, le dije yo que pronunciase a la gallega estas voces que yo pronuncié antes: Jorge, axênxos, San Xenxo, alxouxares, desêjo, agergillar, etc; y todos se rieron de su ineptitud para pronunciarlas (Onomástico, §118)

O bieito é moi consciente da etimoloxía do nome do lugar e, aínda que nos comentarios ás Coplas e seguindo os criterios da época da Academia Española di literalmente "su ortografía debe ser Genxo", a súa proposta gráfica, tanto neses versos coma tamén noutras das súas obras o citado Onomástico ou as Viaxes , a súa proposta, dicimos, foi sempre San Xenxo.

Nos textos literarios en galego posteriores a Idade Media recollidos no Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), a forma gráfica maioritaria desde Sarmiento é Sanxenxo (115 formas fronte a 3 de Sangenjo e outras tantas de Sanjenjo).

En textos casteláns de fóra de Galicia, á parte da excepción dos textos oficiais coma os Nomenclátores de España en que figura como Sanjenjo (Nomenclátor de 1842, 1857, 1860) e Sangenjo (Nomenclátores de 1877 a 1981; a partir deste último, o Nomenclátor oficial é o galego), case non se debeu rexistrar o topónimo, pois no Corpus de Referencia del Español da RAE, só se recolle unha atestación nun texto de Pardo Bazán de 1913: "He aquí como la guisaban, muchos años hace, en Sangenjo, los marineros de un balandro pesquero...". Algunha vez máis cita esta escritora o topónimo coa mesma forma gráfica.

Non parece, entón, que haxa unha longa tradición escrita dunha forma adaptada castelá para o topónimo galego, máis alá da que exerceu, nos últimos dous séculos, a presión oficial de que se rexistrasen e rotulasen os nosos nomes de lugar con grafías castelás.

En castelán, por respecto á variedade lingüística do estado español e á oficialidade do nome Sanxenxo, cremos que se deberían descartar outras opcións gráficas que non son tan tradicionais como se cre, do mesmo xeito que se descartaron outras formas antigas como Mastrique ou como, en galego, abandonamos os Badallouce ou Valadolide/Valladolide dos textos medievais.

Luz Méndez
Membro correspondente da Academia