Letras Galegas 2021

As bibliotecas municipais de Redondela programan un espazo radiofónico sobre Xela Arias

As bibliotecas municipais de Redondela comezarán a emitir o 5 de abril un espazo radiofónico sobre Xela Arias a través da radio municipal deste concello pontevedrés. O programa Xela a diario poderá escoitarse de luns a venres e será recollido tamén nas fins de semana pola Rede de Emisoras Municipais Galegas.

A narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini conducirá Xela a diario, cuxo nome fai unha chiscadela ao poemario Darío a diario, que a poeta dedicou ao seu fillo. En cada espazo, de dez minutos de duración, profundarase na vida e na obra da autora á que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Será a través da voz da propia Ana Facchini e de persoeiros do mundo da cultura, mais tamén de todas aquelas persoas que desexen participar nesta homenaxe enviando os seus audios ao correo bibliotecaderedondela@redondela.gal.