As academias das xeracións nativas dixitais

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o director da Real Academia Española, Darío Villanuena Prieto, protagonizaron o encontro organizado onte polo Ateneo de Santiago. Os dous convidados repasaron este luns as orixes e os obxectivos das respectivas academias e profundaron nos desafíos do seu presente e futuro. Ambos os académicos coincidiron en sinalar como principal reto ser de utilidade para as xeracións nativas dixitais. "A lingua galega non pode quedar á marxe das batallas das tecnoloxías dixitais", salientou o responsable da RAG.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, na mesa dos Luns do Ateneo, moderada por Pilar Sampedro. Fonte: RAG


A última sesión dos Luns do Ateneo, presentada por Pilar Sampedro, estivo dedicada a dúas institucións históricas que determinan as normas das linguas que representan. A primeira en nacer foi a Real Academia Española, creada en 1713, case douscentos anos antes que a Real Academia Galega, inaugurada oficialmente en 1906. Durante moito tempo, o xeito de traballaren nos dicionarios, os seus recursos máis destacados, matívose sen cambios, ata que nos anos 80 as aplicacións informáticas propiciaron unha primeira revolución, á que seguiu a que supuxo poder publicar en liña estas ferramentas lexicográficas. "Esta revolución permitiunos transmitir de xeito impensado o traballo realizado", salientou Darío Villanueva, que se referiu tamén á nova plataforma de servizos lingüísticos dixitais posta en marcha pola RAE a comezos deste ano.

Víctor F. Freixanes apuntou tamén como as novas tecnoloxías se están a aproveitar para a conservación e divulgación da toponimia, outros dos eidos aos que a Real Academia Galega presta especial atención, e afondou na liña de traballo que a institución desenvolve no campo da sociolingüística, moi centrada nestes momentos no diagnóstico do que acontece entre a xente máis nova. Malia a preocupación pola perda de uso do galego entre as persoas de menor idade, o responsable da RAG lanzou unha mensaxe en clave positiva sobre o futuro dunha lingua "viva, instalada en Internet, que produce cultura".

O presidente da RAG reivindicou ademais un mellor financiamento para a Real Academia Galega, poñendo como exemplo as achegas públicas que recibe a Real Academia da Lingua Vasca. Darío Villanueva tamén fixo alusións ás cuestións económicas ao definir as calidades que debe ter o presidente dunha academia. Alén do prestixio intelectual e a capacidade de relación institucional, hoxe é "incluso máis importante a capacidade de xestión case en termos empresariais". "Seguramente Menéndez Pidal non veu unha factura na súa vida", ironizou en referencia ao primeiro presidente da RAE nado en Galicia.