Ao remol do Día das Letras

Ao redor do Día das Letras Galegas teñen lugar, no noso país e na comunidade galega na diáspora, unha morea de iniciativas culturais en celebración da lingua galega.
Cartel do Centro Gallego de Bos Aires con Manuel Rivas
Cartel do Centro Gallego de Bos Aires anunciando o acto con Manuel Rivas


Resultaría imposible compilar nunha única nova a morea de actos referidos á celebración do Día das Letras Galegas ao longo das últimas semanas no noso país e no exterior, achegamos, pois, só unha pequena mostra representativa do pulo na sociedade desta efeméride en celebración da lingua galega.

Na diáspora
O emblemático Centro Gallego de Bos Aires organizou, para este 17 de maio, entre outros actos, un faladoiro co escritor Manuel Rivas no Teatro Castelao, no que o membro de número da Academia ofreceu unha conferencia seguida dun coloquio sobre aspectos relacionados coa actualidade literaria e cultural do noso país.

En Guipúscoa, o Concello de Pasaia, situado fronte a Donostia e que conta cunha importante comunidade emigrante galega dedicada, historicamente, ao sector da pesca, desenvolveu un amplo programa de actividades que se pode consultar aquí, que incluíu a proxección en galego do filme O Apóstolo, música tradicional e unha homenaxe a Castelao na rúa do seu mesmo nome.

O Centro de Estudos Galegos de San Petersburgo, pola súa parte, dependente da Universidade da mesma cidade e dirixido por Elena Zernova, promoveu, en colaboración coa Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, un extenso programa de actos con motivo do Día das Letras Galegas 2014 que incluíu, desde unha mostra de música tradicional galega, ata a presentación da tradución ao ruso de Nimbos, de Díaz Castro, que contou tamén coa presenza do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.

Tríptico co programa de actividades do CEIP de Rianxo
Tríptico co programa de actividades do CEIP de Rianxo para o Día das Letras


No interior
As bibliotecas dos centros escolares constitúen, polo seu dinamismo, un dos factores máis relevantes na divulgación entre a comunidade escolar galega do coñecemento da figura protagonista do Día das Letras. Nestas datas levaron a cabo unha multitude de obradoiros, exposicións, concursos literarios e outras iniciativas de carácter interactivo en diversos formatos que achegaron a figura do poeta Díaz Castro aos falantes máis novos do galego. Nesta páxina da Xunta de Galicia pódese acceder a unha escolma dalgunhas dos proxectos máis interesantes.

O Día das Letras Galegas tamén estivo presente no mundo da empresa alén das iniciativas de carácter estritamente editorial. Así, a empresa Feiraco promoveu, co gallo do Día das Letras, o seu III Concurso de Relatos Breves, e distribuidora de produtos alimenticios Gadis repartiu o 17 de maio de xeito gratuíto entre a súa clientela, un libro dedicado ao poeta dos Vilares.

Porén, o evento máis significativo do pasado 17 de maio foi a manifestación de milleiros de galegos e galegas que ateigaron as rúas das principais cidades e vilas do noso país para declararen a súa adhesión ao texto apoloxético de Álvaro Cunqueiro no que reclamaba "mil primaveras máis" para a lingua galega.

Letras Galletas San José.
A celebración do Día das Letras espallouse tamén ao eido empresarial


Nas redes sociais
A celebración do Día das Letras Galegas 2014 foi especialmente intensa na rede, e veu precedido, na xornada anterior, pola inauguración da primeira páxina web con denominación galega: dominio.gal, no que supón un importante paso adiante para o galego que conquista, deste xeito, un espazo de seu na rede.

Así mesmo, a comunidade galega de usuarios da rede social Twitter converteu, o pasado 17 de maio, o hastag #DíazCastro en trending topic durante uns minutos, un feito histórico que amosa a vitalidade e vizosidade do activismo a prol da lingua no eido das novas tecnoloxías da información e a comunicación.

A páxina web da Academia tamén rexistrou ao longo de toda a semana do Día das Letras Galega un aumento considerable no seu tráfico, cunha media superior ás oito mil visitas diarias e atinxindo, o 13 de maio, o seu récord histórico con 8.794 visitas. Verbo do contido, a paxina máis vista foi a dedicada a Xosé María Díaz Castro, cun total 7.282 visualizacións, máis de mil diarias.