Ánxel Fole na Casa de Hortas

Tal día coma hoxe, o 9 de maio de 1986, morría aos 82 anos Ánxel Fole. O escritor lugués, un dos mestres da narrativa breve da nosa literatura, foi amigo de Manuel María, a quen coñecera cando este só tiña 20 anos. Fole escribiulle o prólogo do cuarto libro que publicou, Terra Chá (1954), no que definía ao protagonista do Día das Letras Galegas de 2016 como "un dos máis esgreivos segreles novos da terra luguesa (…) e de toda a Galicia". Tras o seu pasamento, Manuel María dedicoulle unha das composición incluídas en Sonetos á Casa de Hortas, obra na que lembra a casa onde naceu e viviu a súa infancia.
Portada do libro Sonetos á Casa de Hortas

Manuel María traballou neste libro de poemas ao longo de 1992. Un ano despois, a revista lusa Cadernos do Tâmega publicaba unha escolma cunha ducia do medio cento de composicións que o integran, pero foi en 1997, o mesmo ano en que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas a Ánxel Fole, cando viu a luz toda a obra, dentro da colección "A Illa Verde" de Espiral Maior.

O poeta concibiu Sonetos á Casa de Hortas como un intento de reflectir os seus "máis íntimos sentimentos" e, ao mesmo tempo, facer un retrato da casa natal, espazo esencial na súa vida e hoxe convertido na Casa-Museo Manuel María, o lugar escollido pola Real Academia Galega para celebrar o vindeiro 17 de maio nunha extraordinaria sesión aberta ao público. O escritor dedícalles nesta obra versos ás persoas que habitaron a casa e o seu corazón: a súa compañeira Saleta, o tío Pepe, o crego de San Froilán co que viviu en Lugo tras a morte do seu pai; o irmán máis novo, que morreu sendo aínda un neno; os avós, a súa nai... E tamén a amigos como Ánxel Fole, o protagonista da composición que se reproduce deseguido.

Na casa estivo Ánxel Fole -¡si señor!-

Na casa estivo Ánxel Fole -¡si señor!-
Merlán, Gamallo, Pousa, Novoneyra,
Lois, Díaz Castro, Senén coa compañeira,
Alfonso, Estévez, a Ledo e Blanco-Amor…

As estancias aínda gardan o rumor
de aquelas súas palabras feiticeiras,
a conversa xentil, as boas maneiras,
a requintada gracia, o fino humor…

Só acredito no certo da incerteza:
un triste fado, silencioso e cruel,
levounos, sen razón, tanta riqueza.

Pro agradecémoslle ao tempo a xentileza
de lle deixar aos Hortas un ronsel
aberto pola luz cara á beleza…