Antonio García Teijeiro gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con "Poemar o mar"

Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) é o gañador da última edición do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil co libro Poemar o mar (Xerais, 2016). Este é o sexto galardón do Ministerio de Cultura na modalidade LIX que recae nun título en lingua galega e o segundo que premia unha obra de poesía dirixida ao público máis novo.

Antonio García Teijeiro. Fonte: AELG


O xurado destaca que Poemar o mar é un libro "cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o gran protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxerentes composicións poéticas".

Este galardón súmase a outros recoñecementos previos da obra do escritor vigués, mestre de profesión. En 1996 gañou o Premio Merlín con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998), e en 1998 un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.

O novo recoñecemento á literatura de Antonio García Teijeiro é o sexto Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil para unha obra escrita en galego. Paco Martín acadou en 1996 con Das cousas de Ramón Lamote o primeiro e seguíronlle os conseguidos por Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; Os misterios dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey (1996); O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz (2008); e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (2015).