'Airiños aires, Rosalía' incorpora os retratos da autora que custodia a Academia

Os retratos de Rosalía de Castro conservados na Real Academia Galega reproducidos en gran formato dialogan desde onte con fotografías de Xurxo Lobato evocadoras da súa vida e obra no Kiosko Alfonso. A exposición Airiños aires, Rosalía, promovida pola Fundación Rosalía de Castro e a Obra Social La Caixa, conta tamén nesta itinerancia coa colaboración do Concello da Coruña, que achega edicións singulares de obras da escritora procedentes da biblioteca e do arquivo municipal.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o propio Xurxo Lobato agradeceron na presentación da exposición a colaboración da RAG, que permitiu xuntar por primeira vez todas as fotografías coñecidas da autora, acompañadas de pequenos comentarios do fotohistoriador Carlos Castelao. O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, participou no acto en representación da institución.

A mostra avanza a celebración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o vindeiro venres 24 de febreiro. Nela os seus retratos dialogan coas imaxes de Xurxo Lobato, que percorren as paisaxes vitais e literarias da homenaxeada: o Padrón no que se criou e morreu, a Compostela e o Madrid da mocidade, os campos de Castela, as brañas de Laíño, Lestrobe, Bastavales… A montaxe poderá verse na Coruña ata o vindeiro 19 de marzo.