Afonso Vázquez-Monxardín, novo académico correspondente

Afonso Vázquez-Monxardín (Ourense, 1960) acaba de ser nomeado académico correspondente da Real Academia Galega. O pleno da institución, na sesión celebrada onte pola tarde, votou favorablemente a proposta de incorporación do catedrático de Lingua e literatura galegas, autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con persoeiros da cultura galega -nomeadamente das gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo- e activista cultural de referencia na súa cidade natal.
Afonso Vázquez-Monxardín

O novo académico correspondente é licenciado en Xeografía e Historia e desde 1983 é docente de Lingua e literatura galegas, profesión que exerce como catedrático no IES As Lagoas de Ourense. Os seus primeiros traballos están moi relacionados coa carreira que estudou, na que se especializou en Prehistoria e Arqueoloxía. Colaborou co Museo Arqueolóxico de Ourense, nos xacementos de Castromao, San Cibrao de Las ou A Lanzada, e tamén noutros en territorio portugués ou italiano. En 1983 incorporouse á docencia de Lingua e literatura galegas pero continuou a súa relación coa historia, cursando novas especialidades e mantendo a condición de colaborador do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Como profesor visitante de lingua e cultura galegas, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández está moi vencellado a universidades e centros galegos de América do Sur. Tras participar a finais dos anos 70 na comisión cidadá que gravou entrevistas para a radio a Celso Emilio Ferreiro, Blanco Amor ou Xaquín Lorenzo, foi en 1991 un dos impulsores do proxecto Arquivo Sonoro de Galicia no seo do Consello da Cultura Galega, concibido para rescatar a memoria sonora de distintas sociedades da Galicia territorial e emigrante e integrala con outros exemplos da memoria sonora culta e popular nunha fonoteca pública. Foi ademais o organizador da primeira campaña de microfilmación de prensa e rescate de publicacións no Centro Galego de Buenos Aires para o Arquivo da Emigración.

A tradución é outro dos campos que ten cultivado o profesor. En 1985 participou na creación da Asociación Galega de Tradutores e verteu ao galego durante dous anos a serie Magnum para a súa emisión na TVG.

En 1979 comezou as súas colaboracións en prensa, en La Región, onde publicou unha serie de 70 artigos sobre a evolución da toponimia urbana de Ourense. Polo seu labor como articulista mereceu o Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares (2017) e o Premio Aurelio Carracedo de Xornalismo (2009). Como creador literario tamén colleitou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade (1987) e foi finalista no Premio de Narraciones Breves Antonio Machado (1989).

Roteiros literarios, guías didácticas de escritores ou guións de vídeos son outras das achegas realizadas por Afonso Vázquez-Monxardín en relación coa realidade cultural ourensá e do conxunto de Galicia. Desde hai un ano é secretario da Fundación Otero Pedrayo, onde organizou recentemente a terceira edición do Abril Oteriano.