Actos centrais do Día das Letras Galegas

A sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega, que tivo lugar na sede da Fundación Barrié en Vigo, dedicouse á figura de Paz Andrade e convocou numerosas autoridades e persoas da cultura galega.
Imaxe mesa presidencial mentres falaba Villares
Ramón Villares Paz dando lectura á súa intervención


As celebracións oficiais centráronse en Vigo, cidade á que Paz Andrade consagrara os seus esforzos. A xornada deu comezo co descubrimento dunha placa na memoria de Paz Andrade colocada na fachada do edificio Sanchón, obra do arquitecto Palacios, situado no número 22 da rúa Policarpo Sanz, onde o homenaxeado desenvolveu a súa carreira. Neste acto, promovido polo Concello de Vigo, interviñeron Alfonso Paz Andrade, que expresou a súa gratitude á cidade pola homenaxe rendida a seu pai, e o alcalde da Vigo, Abel Caballero, que fixo un percorrido pola traxectoria vital do protagonista do Día das Letras, salientando o seu compromiso múltiple con Galicia nas facetas de xornalista, intelectual e empresario. O acto pechárono a neta de Valentín Paz Andrade co recitado do poema "Cando ti volvas" e unha actuación da banda Sondeseu.

O acto principal do Día das Letras, o Pleno extraordinario e público da Real Academia Galega, comezou ás 12 horas no salón de actos da Fundación Barrié de la Maza. A el asistiron académicos, representantes do Goberno galego e numerosas figuras do mundo da cultura, da educación e da política galegas: o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de educación e cultura, Jesús Vázquez Abad; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o delegado do goberno en Galicia, Samuel Juárez; o rector da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o vicerreitor da Universidade de Vigo, Enrique Costas; os parlamentarios Manuel Vázquez Fernández, María Xosé Caride e Francisco Cerviño e o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, son algúns dos nomes.

Imaxe da mesa cabeceira do acto
Imaxe da mesa cabeceira durante a intervención de Xesús Alonso Montero. De esquerda a dereita: Euloxio Rodríguez Ruibal, bibliotecario; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario; Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente; Manuel González González, tesoureiro e Francisco Fernández Rei, vicesecretario.


Abriu a sesión o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos Agrelo, dando lectura á acta en que confirmaba a figura de Valentín Paz Andrade para o Día das Letras deste ano 2012. A seguir, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Vence Deza, analizou a importancia do legado que a obra do homenaxeado deixara na concepción económica de Galicia. Segundo o catedrático Xavier Vence, en obras como Galicia como tarea e La marginación de Galicia, ponse de manifesto a característica principal das análises de Paz Andrade sobre a realidade galega: a de ser unha teoría nacida da praxe e destinada á praxe. Destacou, ademais, outros aspectos como a relevancia que o autor lle prestou ao elemento cultural e lingüístico como factor económico, pola súa capacidade para conectarnos cos países de lingua portuguesa; ou a crítica que exerceu á actual división administrativa de Galicia. Salientou, finalmente, a actualidade da vindicación de Paz Andrade dunha ferramenta financeira nacional propia.

O escritor e académico de número, Manuel Rivas Barrós, expuxo na súa intervención a analoxía entre xornalismo e poesía manifestada na obra de Paz Andrade, pois ambas as dúas actividades "consisten en dicir o que está prohibido dicir, en traer á luz o que está na escuridade". Lembrou, ademais, que esta honestidade no labor xornalístico custoulle ao homenaxeado dúas estancias na cadea; primeiro baixo a ditadura de Primo de Rivera, sendo director do xornal Galicia, e, máis tarde, durante a ditadura franquista.

O académico e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, pola súa banda, asentou o pensamento político de Paz Andrade sobre tres piares: democracia, autonomía e base popular. Para o profesor Villares, estes principios constituíron tamén o cerne da estratexia política do Partido Galeguista. Ademais, resumiu a traxectoria militante do autor pontevedrés en dous momentos: a campaña polo Estatuto de Autonomía do 36 e a Xunta Democrática de 1974, na que Paz Andrade "ocupa a cadeira de Galicia por ser o continuador da lexitimidade republicana galega".

O historiador e académico de número, Xosé Ramón Barreiro Fernández, sinalou no seu discurso a diferenza principal entre a teoría do galeguismo histórico e mais a de Paz Andrade, que radica na importancia que o homenaxeado lle outorgou ao elemento económico. O pensamento de Paz Andrade constituiu, pois, "unha selecta excepción", capaz de situar Galicia na cartografía do mundo a partir dunha posta en valor do feito cultural propio.

O profesor e académico, Xesús Alonso Montero, centrou a súa intervención en tres libros de poesía de Paz Andrade recentemente publicados, por vez primeira, en Edicións Xerais no volume titulado Poesía completa. Segundo o académico, foi nas duras condicións do desterro na Serra da Queixa onde o autor homenaxeado descubriu a súa voz poética ata ese momento muda, unha voz de marcada influencia lorquiana que deita a súa mirada sobre a paisaxe humana que o arrodea e "é solidaria coas xentes que padecen a historia".

Pechou a sesión o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, salientando a orixinal natureza dobre, poética e teórica, da obra de Paz Andrade, sempre posta ao servizo do pobo galego. Méndez Ferrín rematou o seu discurso afirmando a vixencia dos seus postulados teóricos na Galicia dos nosos días.

Con posterioridade a este acto, celebrouse no Centro Integrado de Formación Profesional "Paz-Andrade" unha homenaxe, organizada pola Xunta de Galicia, na que interviñeron a directora do Centro, Alfonso Paz Andrade, Abel Caballero, Méndez Ferrín e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que puxo ao protagonista do Día das Letras 2012 como exemplo de intelectual ao servizo dunha Galicia aínda por facer.