A Real Academia Galega, premio Irmandade do Libro 2012 da Federación de Libreiros

A Asociación dos Libreiros Galegos valora desta maneira o labor da Academia na defensa e promoción do galego ao longo dos seus máis de cen anos de historia.
Figura do premio Irmandade do Libro
Imaxe do premio Irmandade do Libro

Durante o transcurso do acto, celebrado en Lalín o pasado sábado 21 de abril e presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo alcalde da capital do Deza, Xosé Crespo, a veterana Federación de Libreiros de Galicia entregou os premios Irmandade do Libro a entidades de distinta natureza salientables polo seu traballo a prol da creación e difusión do libro galego.

A relación dos agasallados nesta ocasión é a seguinte: a Biblioteca Central Rialeda, do Concello de Oleiros; Mitoloxia de Galiza, de Vítor Vaqueiro; o CEIP de Riomaior, en Pontevedra; a Libraría Cartabón, de Vigo; Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, escollido libro do ano 2011; o escritor lalinense Gonzalo Navaza, galardoado autor do ano; e, finalmente, a Real Academia Galega, que recolleu o premio á institución do ano.

Despois de recibir este galardón en nome da RAG, o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou a importancia do gremio de libreiros galegos no espallamento da nosa cultura, ora na ditadura, ora na actualidade, e deu azos ao sector para proseguir este camiño expoñendo a produción editorial galega nos seus escaparates.