A Real Academia Galega lamenta o pasamento de José Isorna

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de José Isorna Ferreirós, membro correspondente desta institución. O padre Isorna, natural de Valga, faleceu onte en Santiago de Compostela aos 94 anos de idade. O relixioso galeguista, promotor do uso do galego na liturxia, fíxose moi coñecido ao oficiar as misas dominicais retransmitidas pola TVG.
José Isorna Ferreirós
José Isorna Ferreirós. Foto: El Correo Gallego

A igrexa conventual de San Francisco, en Santiago de Compostela, acollerá esta tarde, ás 17 horas, unha misa polo padre Isorna. Tras a eucaristía, o seu corpo será trasladado á parroquia de Cordeiro (Santa Comba), no concello de Valga, onde será velado a partir das 19 horas. Ás 20.30 horas celebrarase o funeral e posterior enterro.

O padre Isorna era membro correspondente da Real Academia Galega desde o ano 1967. Comprometido coa galeguización da Igrexa en tempos complicados para o idioma de Galicia, tratou a intelectuais como Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro e a familia de Castelao. A súa relación co galeguismo quedou tamén patente nas homilías fúnebres que pronunciou nos funerais de Xosé Ferro Couselo, Ramón Otero Pedrayo ou Sebastián Martínez-Risco, que faleceu en 1977 sendo presidente da Real Academia Galega.

José Isorna cursara estudos de Humanidades no seminario franciscano de Herbón (Padrón), onde exerceu máis adiante como profesor, e de Filosofía e Teoloxía no centro compostelán da orde á que pertencía. O relixioso foi ademais vicerreitor do convento de San Francisco da capital galega e representante de Radio Vaticana en Galicia, entre outras responsabilidades.