A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Andrés Fernández-Albalat Lois

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Andrés Fernández-Albalat Lois. O arquitecto, membro de número da institución dende o ano 1999, faleceu onte na súa cidade natal, A Coruña, onde deixou múltiples mostras dun xeito de concibir a arquitectura que o converteu nun referente imprescindible na historia da arquitectura galega contemporánea.
Andrés Fernández-Albalat. Autor: Xosé Castro

Andrés Fernández-Albalat defendía a necesidade de que a arquitectura non perda de vista o humanismo, o servizo á sociedade. Recordábao Carlos Casares na resposta que deu ao seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Significante e significado. Linguaxe e arquitectura, onde o escritor salientou a súa capacidade de conseguir que a arquitectura servise á cultura nos proxectos de restauración da casa de Rosalía en Padrón e de rehabilitación da vivenda de Emilia Pardo Bazán na rúa Tabernas da Coruña como sede da RAG e da casa-museo da escritora, acometidos nos anos 70 do século pasado.

Andrés Fernández-Albalat Lois titulouse como arquitecto na Escola Técnica Superior de Madrid en 1956. De volta en Galicia, deixou pegada en proxectos desenvolvidos en distintos puntos do país como a planta de Coca-Cola (1959-1962) e o concesionario de Seat (1963-1965) na avenida de Alfonso Molina da Coruña, as vivendas subvencionadas de mariñeiros na parroquia de Fontán en Sada (1967), a fábrica de Sargadelos en Cervo (1968), as facultades de Matemáticas e Bioloxía de Santiago de Compostela (encargadas en 1978), a piscina cuberta de Santa Isabel (1982) e o estadio de San Lázaro da mesma cidade (1993), o conservatorio da Coruña (1985) ou a rehabilitación do castelo de Monterrei (1996).

O académico tamén destacou como urbanista cunha proposta vangardista para a creación dunha grande área urbana entre A Coruña e Ferrol. O proxecto, que chamou A Cidade das Rías, baseábase na integración da arquitectura e a vida na paisaxe. Non chegou a desenvolverse, pero medio século despois segue a ser tida en conta na concepción da área metropolitana entre ambas as cidades.

Como membro da Real Academia Galega, formou parte da executiva presidida por Xosé Ramón Barreiro Fernández ocupando o cargo de tesoureiro entre 2001 e 2009. Foi un dos fundadores do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o seu primeiro decano (1973-1977), e a súa ollada particular mereceu distintos galardóns, entre eles a Medalla Castelao (1994), a Medalla de Ouro da Universidade da Coruña (2007) —onde exerceu como docente dende 1978— e o Premio Arqano de Arquitectura (2008). Foi ademais membro da comisión técnica do padroado da Fundación Rosalía de Castro, do padroado do Museo do Pobo Galego, do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses ¬—do que foi director¬—, e a Real Academia Galega de Belas Artes e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, das que foi membro de honra e correspondente, respectivamente.