A Real Academia Galega defende ante a Alcaldía de Madrid a figura de Álvaro Cunqueiro

O presidente da Real Academia Galega dirixiuse por carta á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, para cumprir coa "obriga moral e intelectual" que ten a institución de facerlle chegar a súa opinión sobre "o affaire Álvaro Cunqueiro", en referencia á posible inclusión, segundo o difundido en distintos medios de comunicación, de quen foi durante moitos anos membro numerario da RAG nunha listaxe de nomes que poderían ser retirados das rúas madrileñas en aplicación da Lei de memoria histórica.

Xesús Alonso Montero lémbralle na misiva, enviada o 14 de xullo, que Cunqueiro "foi, no seu tempo, un dos grandes escritores de Europa (en galego e castelán)", salienta que nunca se identificou coa violencia fascista e engade que "non é para Madrid desdouro ningún" que unha rúa se rotule co seu nome.

"Somos conscientes de que, entre os infinitos asuntos que terá enriba da mesa, quizais os seus asesores en cuestións da Memoria Histórica non sempre distinguen con precisión a diferenza entre unha rúa denominada División Azul (ou Millán Astray) e outra denominada Álvaro Cunqueiro, escritor que nos convulsos anos da Guerra Civil e nos primeiros da posguerra non foi totalmente alleo, arrastrado polos imprevisibles acontecementos, a comportamentos non desfavorables ao franquismo. Foi, antes de despois de 1936, un home bo, que nunca, na súa condición íntima, se identificou coa violencia fascista", expresa a carta.

A misiva remata recordando que Cunqueiro, ademais de "honra e gloria das Letras Hispánicas do século XX", foi "amigo admirado por moitas persoas" do universo ideolóxico republicano para concluír que non é deshonra ningunha que unha rúa de Madrid o recorde.