A Academia celebrará o Día das Letras Galegas de Xela Arias en Vigo e producirá contidos audiovisuais sobre a autora

A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias (1962-2003) en Vigo, a cidade onde a poeta, tradutora e editora viviu dende os sete anos ata o seu pasamento. Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas serán os académicos encargados de profundar nesta sesión na figura e na obra da autora á que a institución lle dedica este ano o 17 de maio. Pero a celebración arrincou xa na Rede e verase reforzar a partir do mes de abril, cando a Academia estreará unha serie documental e mais un espazo de micropezas audiovisuais sobre a autora. Os contidos poderán verse en academia.gal e na canle de Youtube da institución e está previsto que tamén sexan emitidos pola TVG.

A RAG difundirá en academia.gal e a súa canle de Youtube cada martes, a partir do 6 de abril, cada un dos 6 episodios breves que compoñen a serie documental que está a producir da man da produtora Miramemira. A proposta profundará en distintos aspectos da obra da escritora, comezando polas súas orixes en Sarria (Lugo) e a súa chegada aos sete anos a Vigo, e como os dous ambientes condicionaron a súa ollada e a súa escrita, de maneira especial a contorna urbana próxima á Movida dos anos 80 do século pasado. A serie deterase, a través de amizades, familiares e distintas voces do mundo da cultura, non só nas contribucións da homenaxeada como escritora, senón tamén como traballadora do sector cultural, xa que Xela Arias foi unha das primeiras profesionais da edición, da corrección e da tradución en Galicia, nunha incipiente industria editorial que tiña como misión normalizar a lingua e fixar a súa normativa.

Tamén a partir da volta da Semana Santa, a RAG difundirá cada día, de mércores a luns, unha micropeza audiovisual que achegará a ollada persoal á figura e á obra de Xela Arias de voces estudosas da súa obra, membros da Academia, compañeiros e compañeiras de xeración, amizades e lectores e lectoras de distintas idades e perfís profesionais.

A programación especial das Letras Galegas da Real Academia Galega arrincou o pasado mes de xaneiro coa posta en marcha da sección dedicada a Xela Arias en academia.gal, un espazo que acubillará os contidos propios sobre a autora e que dará conta doutras iniciativas que promovan o coñecemento do seu legado. Nela están xa dispoñibles a biografía da autora que asina a académica Ana Romaní, novas e entrevistas e a fotogalería de retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil, o fotógrafo co que publicou o poemario Tigres coma cabalos e que foi a súa parella durante anos.

 O pasado 2 de marzo, nas vésperas do aniversario de Xela Arias, a Academia presentou a nova edición do proxecto para o público infantil Primavera das Letras no CEIP Sárdoma-Moledo, o colexio onde Xela Arias cursou os estudos primarios dende a súa chegada a Vigo. Dende o sitio web primaveradasletras.gal, a RAG irá publicando ao longo do mes de marzo e abril novas fichas descargables e actividades interactivas. A Academia estivo ademais presente na localidade natal da escritora o 4 de marzo, o día en que faría os 59 anos, e colabora na exposición Aquela nena de Sarria, promovida polo colectivo Egeria. Tras a inauguración na casa da cultura do concello lugués en que Xela Arias naceu e viviu ata os tres anos, a mostra poderá verse noutros puntos de Galicia.

A publicación do texto Muller e literatura, o artigo co que Xela Arias participou en 1991 no “Encontro de escritores galegos e portugueses”, é outra das iniciativas da Real Academia Galega no marco da súa programación especial das Letras Galegas 2021, que se estenderá durante todo o ano. A programación de perfil máis académico chegará no outono co Simposio Xela Arias, un punto de encontro de estudosos e estudosas da obra da autora cuxas achegas serán posteriormente publicadas no Boletín da Real Academia Galega. As sesións serán abertas ao público, se a situación sanitaria o permite, e poderán seguirse tamén en directo a través de academia.gal.

A Real Academia Galega está ademais a colaborar con múltiples iniciativas e propostas por entidades culturais, institucións educativas e o tecido asociativo que celebrarán a obra de Xela Arias ao longo deste ano.