'A raíña espida', de Luís Seoane

O 1 de xuño de 1910 nacía en Buenos Aires o ilustrador, pintor, escritor e xornalista Luís Seoane, unha das figuras centrais da cultura galega do século XX.
Luís Seoane
Luís Seoane


No poema que reproducimos a continuación, Luís Seoane evoca o apresamento da raíña Dona Urraca polos irmandiños en Santiago de Compostela no ano 1116.

A RAÍÑA ESPIDA

O pobo asañado e xusticieiro,
a Irmandade dos homes ceibes,
trata de asegurar a paz coa violenza
axustando na raíña seus aldraxes.
Xúntanse con eles pro castigo,
soldados revoltados, artesáns e mendigos.

Fuxitivos, mantéñense alleos
o bispo e os condes.
Silandeiros e atobados os heraldos.

A raíña vencida no seu orgulo,
na ollada o medo e o asombro,
laiándose e xemendo pregallas
trata de ceibarse dos brazos
que a arrastran polos cabelos.

Espida, bourada, quedou na rúa
Afondada astrosamente na lama
A raíña branca e impura
que tomaba acordos e repentiase deles.
Cas mans cobría os seos
no belido corpo apaxeado
que sementou o amor e a xenreira.
Vencida no seu orgulo e no seu recato
polos ollos cubizosos do pobo,
polas mans que erguían como estandartes
as roupas rachadas da súa raíña.
¡Ouh raíña! ¿Onde ficaron os teus galás?
¿Onde os condes guerreiros,
os garridos capitás da túa escolta?
¿Onde as túas donas de honor?
¿Que foi dos trobeiros hipócritas
Que cantaban a túa beleza e o teu reino?
¿Onde os teus falcós heráldicos?
¿Onde os teus xograres e os teus cas?
¿Por que ti soia nesta historia
teus peitos ao ar e desguedellada,
a túa branca pel espida na lama?


Na brétema de Sant-Iago (Xerais, 1989)