A RAG reclama que Patrimonio Nacional difunda na Rede e con acceso libre os códices das 'Cantigas de Santa María' custodiados no Escorial

Neste ano 2021 conmemórase o 800 aniversario do nacemento de Afonso X o Sabio, inspirado poeta en galego a cuxo padroado se debe un dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, as Cantigas de Santa María. Cadrando con esta efeméride, a Real Academia Galega reclámalle a Patrimonio Nacional que siga os pasos doutras moitas bibliotecas en materia de difusión dos seus fondos e comparta na Rede os dous códices deste patrimonio cultural da humanidade custodiados no Escorial. “É chegado o momento de que o público interesado, ademais dos e das especialistas, teñan acceso libre a estes códices, a través de reprodución dixital dispoñible en aberto na Web”, expresa a institución nunha declaración feita pública hoxe. Patrimonio Nacional débello —conclúe—“á cultura galega, á cultura hispánica, á cultura europea e á cultura universal”.

Detalle do Códice Rico, cantiga 120

A colección das Cantigas de Santa María –máis de catrocentos cantares en lingua galega– chegou a nós en catro códices elaborados nos tempos do propio rei (s. XIII). Un dos volumes, o Códice de Toledo, atópase na Biblioteca Nacional de España e pode consultarse no sitio web da institución; outro permanece na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia), e tamén está dispoñible na Rede; e os outros dous atópanse na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial. A RAG contactou o pasado mes de xaneiro con Patrimonio Nacional solicitándolle a posta a disposición pública na Rede dos chamados Códice Rico e Códice dos Músicos. Nunha breve resposta, Patrimonio Nacional limitouse a indicar que a dixitalización das obras de Afonso X se contempla na súa programación cultural e que está a expensas do desenvolvemento da planificación institucional, sen suxerir data ningunha para a súa difusión.

Mentres que o códice da Biblioteca Nacional foi ademais levado ao prelo por parte do Consello da Cultura Galega (en dúas edicións de 2003 e 2008), o Códice dos Músicos foi editado na década dos 60 do século pasado en condicións moi precarias; e o Códice Rico, célebre polas súas espléndidas ilustracións, foi unicamente obxecto de edicións facsimilares de luxo por parte de editoras privadas, só ao alcance das persoas e das institucións que poden adquirilas a prezos moi elevados.

Afonso X non só foi poeta en galego, tamén acolleu na súa corte unha pléiade de trobadores e xograres que compuxeron cantigas na lingua da lírica medieval peninsular, das cales os cancioneiros trobadorescos galego-portugueses ofrecen un testemuño espléndido. Moitos destes fondos e outros de similar significación conservados en bibliotecas de todo o mundo poden consultarse na Rede. É o caso dos xa mencionados códices das Cantigas de Santa María conservados na Biblioteca Nacional de España e na Biblioteca Nacional Central de Florencia; o Cancioneiro galego-portugués que custodia a Biblioteca Nacional de Portugal ou o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, outra das obras máis importantes da lírica galego-portuguesa. “É hora de que Patrimonio Nacional de España faga o mesmo co Códice dos Músicos e co Códice Rico das Cantigas de Santa María de Afonso o Sabio. Débello á cultura galega, á cultura hispánica, á cultura europea e á cultura universal”, conclúe a Real Academia Galega na declaración.